O cantante murciano Xuso Jones e a artista lucense Alba Messa presentan esta noite os seus novos traballos no programa ‘Bamboleo’

0
1

Santiago, 07.12.2019.-   O programa musical e de entretemento ‘Bamboleo’ contará este sábado coa presenza do artista murciano Xuso Jones, que desde que chegou á música case por casualidade grazas a un vídeo viral, non parou de dar pasos adiante. Jones está a presentar o seu novo sinxelo, ‘Mil pasos’, o primeiro aperitivo do seu terceiro disco, que verá a luz en 2020. Trátase dunha versión da canción homónima composta pola artista francesa Soha, que o cantante adaptou cun estilo fresco e orixinal.

O espazo da TVG tamén ofrecerá as actuacións da orquestra Xacobeo e da cantante, compositora e actriz Alba Messa, que leva practicamente toda a súa vida sobre os escenarios. A artista interpretará temas do seu primeiro LP, ‘Con todas las consecuencias’, un proxecto con 11 cancións da súa autoría, que presenta unha música máis electrónica, cool e internacional, amosando unha clara evolución musical e estética de Messa.

No escenario tamén estarán Alexandra Suárez, interpretando a icónica canción ‘Lela’, e Txus López, co tema ‘Every breath you take’, de The Police, para competir ambos os dous no ‘Agora ou Nunca’.

Ademais, coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, con Fran e Víctor competindo no karaoke coa canción ‘Fiera inquieta’, de ‘Paixón de Gaviáns’, e ‘Dirtidansi’, en que a parella formada por Adrián e Yana Olina ofrecerán o seu showdance.

Fuente Crtvg.es