O Celta B-Deportivo xógase esta fin de semana na CRTVG, xunto a xogos tradicionais, fútbol na 2ª RFEF e fútbol sala

0
18

Santiago, 25.03.2022.-  Xornada deportiva emocionante esta fin de semana nos medios públicos galegos, en que se recupera a transmisión de partidos de fútbol da 1ª RFEF dos equipos galegos e se poderá ver por primeira vez un torneo de xogos tradicionais, entre outras citas deportivas decisivas.

Fronte aos deportes de masas, os deportes tradicionais están de volta nos medios públicos galegos. Deste xeito, o sábado, ás 17.00 horas, a G2 e a G24.gal ofrecerán en directo a Supercopa de Galicia de Chave e Billarda, un evento en que participarán os mellores palanadores do país, desde o campo municipal Víctor Fernández Alonso da Coruña. Con esta transmisión, a canle pública inicia a cobertura dunha serie de competicións anuais de modalidades deportivas tradicionais.

Ás 19.00 horas, os medios públicos achegarán tamén o partido crucial do Noia Portus Apóstoli fronte ao C. D. Leganés, que pode rematar co ascenso á Primeira División de fútbol sala do conxunto galego.

Este sábado poderase seguir, a maiores, pola G24.gal, o Bergantiños C. F. – Marina Luanco (17.00 horas).

Este domingo, Celta B-Deportivo, pola G2

A Primeira RFEF de fútbol regresa este domingo á Galega, ás 12.00 horas, co derbi galego que disputarán o Celta B e o Deportivo no estadio de Balaídos. Desde esta fin de semana ata o final da temporada, a G2 ofrecerá os encontros da casa dos tres equipos galegos na competición: Rácing de Ferrol, Celta B e Deportivo.

Amais, os afeccionados ao fútbol galego poderán seguir gozando dos duelos máis destacados da xornada na 2ª RFEF. Así, o domingo, ás 17.00 h, achegarase na G2 e na G24.gal o derbi entre o S. D. Compostela e o Coruxo F. C., e ás 19.00 horas o rifado encontro no cumio da clasificación, entre o Pontevedra C. F. e a A. D. Unión Adarve.

Fuente Crtvg.es