O Celta-Real Madrid protagoniza o ‘Galicia en goles’ na noite do sábado

0
10

Santiago, 18.8.2022.-  A segunda xornada da Liga de Fútbol Profesional comeza o sábado para os nosos equipos co partido máis atractivo do calendario, o Celta-Real Madrid. ‘Galicia en goles’ ampliará a emisión ata a 1 da madrugada para ofrecer todas as opinións dos protagonistas, na sala de prensa e na zona mixta.

O Celta chega a este encontro tras deixar escapar a vitoria o sábado pasado ante o Español no tempo de prolongación. Mentres, o cadro branco comezou sumando tres puntos na súa visita a Almería, aínda que necesitou remontar o resultado na segunda parte.

‘Galicia en goles’ principiará o sábado ás 6 da tarde para contar desde A Malata o Rácing de Ferrol-S. D. Compostela, cunha nova edición do trofeo Concepción Arenal en xogo. Para o equipo departamental é o último amigable antes de debutar na Liga o próximo sábado 27 en Majadahonda. Mentres, o cadro santiagués aínda ten dúas semanas por diante para o inicio do campionato a primeira fin de semana de setembro.

Xa o domingo, desde as 6 da tarde, a atención estará posta primeiro en Arteixo. Alí, o Deportivo da Coruña pecha a pretemporada diante do Bergantiños de Carballo. Outro dos puntos de referencia estará no campo municipal da Estrada, onde se disputa unha das semifinais da Copa Federación entre o equipo local e o Arenteiro. Pola noite, ás 10, tomará o mando o fútbol de Segunda coa retransmisión do Tenerife-Lugo no Heliodoro Rodríguez López. Os dous equipos non sumaron na primeira xornada, sufrindo cadansúa derrota pola mínima.

Durante a fin de semana, ‘Galicia en goles’ ofrecerá edicións informativas ás dúas e cuarto da tarde, coa análise dos principais eventos da xornada. Ao seu remate, ás 3, chegarán os mellores momentos de ‘Convivir deportivo’ na temporada pasada.

Fuente Crtvg.es