O ciclo ‘Galicia Emerxe’ achega este mércores na G2 a música de Fernando Barroso, que mestura o swing e o jazz co estilo máis tradicional

0
5

Santiago, 28.07.2021.-    O ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’ continúa este mércores na G2 coa actuación, a partir das 23.20 h, do compositor ferrolán Fernando Barroso, cuxa bagaxe internacional o levou a tocar en importantes escenarios de todo o mundo.

Tras a publicación do seu primeiro disco en solitario no ano 2016 baixo o título de ‘Intropía’, o músico galego continuou a súa actividade artística co traballo ‘Silence lovers club – Mandolin pieces’, na compaña da violoncellista Margarida Mariño. Coa mandolina como elemento fundamental deste proxecto, Barroso compón pezas en que mestura o swing ou o jazz coa música popular.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es