O cinema negro, protagonista esta semana en ‘Carteleira G’, o ciclo en aberto da web da CRTVG

0
6

Santiago, 23.04.2020.-    A CRTVG ofrece a partir deste xoves na súa páxina web, dentro do ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’, unha selección de películas producidas en Galicia que teñen en común pertencer ao chamado cinema negro, esa etiqueta xenérica inventada polos críticos de cinema franceses -o film noir– que lle engade unha mirada moral da sociedade ás películas de crimes.

Cada semana, a proposta de ‘Carteleira G’ vai mudando, sempre cun fío condutor para todos os filmes, ben o xénero ou o director. Os anteriores packs de películas xiraron arredor do narcotráfico, o amor, a comedia e a emigración. O obxectivo desta iniciativa é converter o salón dos espectadores nun cinema durante o confinamento.

A primeira das propostas desta semana é ‘Sei quen es’ (Patricia Ferreira, 2000). A directora de orixe galega Patricia Ferreira filmou para a produtora Continental en Verín, Oza ou Mariñán, xunto a outras localizacións, esta emocionante historia de amor entre unha psiquiatra e un enfermo mental (interpretados por Ana Fernández e Miguel Ángel Solá), un argumento que evoca o filme ‘Recuerda’ de Hitchcock. O pasado do enfermo pecha unha historia delituosa relacionada cun atentado terrorista e, polo tanto, a doutora deberá axudar o seu paciente e amante a fuxir dos perseguidores que queren matalo. Gonzalo Uriarte e Luís Tosar, nun dos seus primeiros papeis de importancia, son os policías corruptos que buscan os protagonistas. Tamén aparecen, en pequenos papeis, María Bouzas, Manuel Manquiña, Carlos Blanco, Roberto Leal e Santi Prego.

Neste ciclo de cine negro tamén figura ‘Divertimento’ (José García Hernández, 2001). A produtora galega Formato rodou integramente no Teatro Jofre de Ferrol esta claustrofóbica historia dun axuste de contas entre dous actores, interpretados por Paco Rabal e Federico Luppi, xogando ao gato e ao rato, intercambiando os papeis de cazador e presa ao estilo do clásico ‘A Pegada’, de Mankiewicz. Toda a metraxe desenvólvese no interior do teatro e unicamente hai tres planos de exteriores da cidade departamental.

Os espectadores tamén poderán ver durante os vindeiros días ‘O menor dos males’ (Antonio Hernández, 2007). A produtora Voz Audiovisual é a responsable deste thriller moral que vira arredor dun importante político corrupto, moi molesto para o seu partido. O personaxe, fuxindo de graves problemas, refúxiase na casa familiar de Galicia, onde vive a súa irmá. Alí espérao tamén a súa amante, ademais dun crime misteriosamente planeado. Roberto Álvarez, Carmen Maura e Verónica Echegui son o trío protagonista, mentres que César Cambeiro e Xavier Deive encarnan os estraños escoltas do político. Tamén aparecen Antonio Durán ‘Morris’ e Berta Ojea.

Ademais, ‘Carteleira G’ propón para os vindeiros sete días o visionado de ‘Un bo home(Juan Martínez Moreno, 2009). Os malos tratos e a violencia de xénero incorpóranse nesta película psicolóxica producida pola galega Milú Films. Emilio Gutiérrez Caba interpreta un reputado catedrático de Dereito que asasina a súa muller sen saber que o seu mellor amigo -a quen dá vida o actor galego Tristán Ulloa– é testemuña do delito. A actitude moral do amigo e a procura de probas para denunciar o asasinato son as armas do guión. Miguel de Lira e Artur Trillo son os policías que investigan o crime.  

Outro dos filmes programados é ‘Retornos’ (Luís Avilés, 2010). O cineasta galego, nado en Bogotá e fillo do poeta Avilés de Taramancos, escribe e dirixe este thriller moral que narra a historia de perdón e redención dun home que, á morte do seu pai, regresa á súa vila natal para axustar contas co seu irmán e recuperar a relación coa súa filla adolescente. Pero o protagonista atopa na estrada unha prostituta morta e a investigación do crime vaino levar a pescudar segredos da súa familia, longamente escondidos. O elenco galego-portugués conta coas interpretacións de Xavier Estévez, María Bouzas, Luís Zahera, Antonio Durán ‘Morris’, Solange Freitas, Mina Andala ou Yoima Valdés. O finado actor Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ compón un dos seus personaxes máis lembrados, agre e escuro, lonxe do seu rexistro cómico habitual.

Finalmente, ofrecerase ‘O Códice’ (Jorge Cassinello, 2014). A produtora galega Ficción adaptou para a televisión a historia real do roubo do Códice Calixtino na catedral de Santiago, un dos casos delituosos máis coñecidos e mediáticos das últimas décadas. No elenco da película, entre máis de 30 actores galegos, destaca Miguel de Lira, que encarna o célebre ladrón, mentres que Antonio Durán ‘Morris’ dálle vida ao deán da catedral. María Vázquez, Francis Lorenzo, Carlos Blanco, María Castro, Tamar Novas, Sabela Arán ou Manuel Manquiña son outros nomes ben coñecidos do seu elenco. 

Fuente Crtvg.es