O cómico David Perdomo enche de humor e entrevistas a noite dos martes da Galega con 'Ecce Perdomo'

0
2

Santiago, 25.06.2019.- O sentido do humor e a capacidade de rirse dun mesmo son os ingredientes principais de ‘Ecce Perdomo’ (22.00 h.), novo programa da Televisión de Galicia para a noite dos martes presentado por David Perdomo. Semellante ao que a señora Cecilia Giménez fixo co Ecce Homo de Borja, o coñecido cómico e actor debuxará en cada edición un retrato audiovisual esaxerado ou caricatura dun personaxe estereotipado e recoñecible da nosa terra. Desde o xubilado de aldea que se dedica a traballar o campo, pasando polo ‘pijo’ de cidade que viste de marca, o adolescente apurado que non solta o móbil e quere ser youtuber, o artista de trap ou o galeguista incansable que toca a pandeireta…

Deste xeito, en cada capítulo, o presentador percorrerá Galicia para coñecer e entrevistar catro membros dunha tribo urbana, persoas que se axusten a un mesmo estereotipo que existe na sociedade galega, co obxectivo de imitalas nun sketch humorístico ao final do programa.

Cada entrevista serviralle a Perdomo para aprender unha característica concreta do tipo de xente á que está dedicado o episodio: como son, que visten, que música escoitan, como falan, en que traballan, a que dedican o tempo libre ou que deportes practican. Perdomo tratará de absorberlles toda a información que poida aos entrevistados, e ao final do programa porá en práctica todas as ensinanzas aprendidas, nun sketch humorístico en que parodiará cada unha destas tribos urbanas galegas. En definitiva, ‘Ecce Perdomo’ é un espazo en que cada un pode mostrarse como é, sen complexos, e orgulloso da súa identidade.

A señora, na súa estrea

No primeiro programa de ‘Ecce Perdomo’, que leva por título A señora, o actor David Perdomo transformarase nunha señora galega. Si, esa que sempre ten algo que ofrecerche; xa sexan unhas patacas, uns grelos ou uns ‘quives’. Unha desas señoras que se escandalizan á hora de falar de sexo ou dicir tacos pero que, ao mesmo tempo, non teñen pelos na lingua para botar pestes sobre as famosas, os seus veciños ou calquera que pase por diante da súa xanela.

Para levar a cabo semellante transformación contará coa axuda de catro auténticas expertas: unha froiteira, unha peiteadora e dúas cantareiras. María del Carmen Trigo, unha das mellores froiteiras de Galicia, ensinaralle o que é ser unha señora festeira, capaz de venderche tres quilos de kakis engaiolándote con carantoñas e agarimos. Coa peiteadora María Teresa Leal aprenderá non só os segredos de beleza das famosas, senón os seus chismes máis vergoñentos. E Teresa dos Cucos e Basilisa Romay faranlle degustar unha auténtica merenda de señora, desas en que sentas ás catro da tarde e non te levantas ata que é ben de noite. Non sen antes poñerche un bo anaco de ‘queique’ para o camiño.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here