O concerto de Marful, o máis escoitado de jazz dos ofrecidos este ano no Facebook da Radio Galega

0
7

Santiago, 10.12.2019.-   As propostas da Radio Galega a través do seu Facebook Live gañan seguidores en cada emisión. Dentro da súa estratexia de innovación, o último evento que a emisora pública ofreceu en streaming na rede social foi o concerto especial de Marful en Culturgal, o pasado 30 de novembro, transmisión que tivo unha audiencia dixital ese mesmo día de 11.292 persoas. Este foi o máis escoitado de todos concertos de jazz emitidos en 2019 no Facebook da Radio Galega, en que se puido gozar, amais, da música de Sumrrá, de Marcos Teira, de Valentín Caamaño Cuarteto, de Pablo Castaño Quartet, de Carlos Barruso, de Pablo Sanmamed Trío e de Jorge Pardo Quarteto.

Ata o momento, foi tamén o primeiro e único ofrecido en directo e o que obtivo o maior impacto, ao dobrar ao seguinte artista con máis alcance, que chegou a unhas 5.400 persoas. A Radio Galega pecha, así, un ano de concertos de jazz coa audiencia máis alta.

Este recital, que supuxo o reencontro nos escenarios do grupo composto por Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugía Pedreira, e actuou acompañado nesta ocasión pola cantante de Operación Triunfo Sabela Ramil, acadou ata hoxe as 14.461 visualizacións e un total de 561 reaccións, comentarios e vídeos compartidos.

Na súa vocación de servizo público, a CRTVG volveu ter un sitio de seu na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra, entre o venres 29 de novembro e o domingo 1 de decembro. No stand da Corporación puido vivirse a experiencia de realidade virtual de ‘Un país en 360’, un programa, gravado con cámaras 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio natural e monumental de Galicia, así como ser presentador por un intre dun telexornal, coa instalación dun estudio virtual ou Chroma-Key, e asistir á presentación de ‘María Soliña’, película participada polos medios públicos galegos. A Radio Galega, pola súa parte, ofreceu tamén o ‘Diario Cultural’ en directo desde o certame, amais do concerto do grupo Deteriorados.    

Fuente Crtvg.es