O concursante Martín López batirá este domingo pola mañá todos os récords no programa ‘Coma un Allo’

0
9

Santiago, 27.11.2021.-     O marinense Martín López conseguirá este domingo ser o cuarto concursante de ‘Coma un Allo’ en acadar o límite de permanencia de 50 programas, tras os pasos do vigués Alberto García, o primeiro en conseguilo, de Adrián Estévez, de Pontevedra, e de Antonio Freire, tamén de Vigo. É a cuarta ocasión en que un participante logra acadar esta cifra nun formato apto para toda a familia, baseado na dinámica de preguntas e respostas, e que en cada edición trata de afondar nun tema de interese xeral.

Ademais, farao batendo todos os récords, xa que é o concursante que máis veces quedou na primeira posición ao longo da historia do programa e tamén o que obtivo as puntuacións máis altas durante a súa participación.

Martín López Nores é un destacado profesor da Universidade de Vigo, subdirector do nodo da área TIC desa universidade e investigador principal dun importante proxecto de investigación da UE. Ademais, foi un dos gañadores históricos do ‘Cifras e Letras’ da TVG, onde se iniciou nos concursos televisivos, e a partir de aí pasou por outros programas a nivel nacional.

Os aspirantes de ‘Coma un Allo’, que hoxe chega á emisión número 527 e que presenta Bernardo Montaña cada domingo pola mañá na Televisión de Galicia, teñen que enfrontarse a preguntas de cultura xeral e ciencias e tamén a preguntas de proximidade, referidas á xeografía e á cultura galegas. No mínimo tempo posible deben resolver operacións aritméticas sinxelas, compoñer palabras agochadas e buscar o termo exacto para unha definición. Para iso, contan co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

Fuente Crtvg.es