O Deportivo-Badaxoz protagoniza o ‘Galicia en goles’ do sábado na Radio Galega

0
15

Santiago, 23.02.2023.-   A última fin de semana do mes de febreiro chega chea de fútbol á sintonía da Radio Galega. O venres, desde as 20:30 h, Paco Santos encargarase de analizar o calendario dos equipos galegos cos principais protagonistas.

O sábado, a partir das 15:00 h, a atención pasará por Riazor, onde o Deportivo confía en superar o Badaxoz para seguir recortando diferenzas co liderado da Primeira Federación. A Segunda terá presenza na tarde cos partidos Coruxo-Raio, Cantabria e Arenteiro-Palencia. Ademais, xogaranse tres encontros adiantados correspondentes á Terceira División: Arteixo-Vilalbés, Bouzas-Arousa e Choco-Somozas.

Durante o sábado, o proxecto #GaliciaEnXogo terá tres entregas na sintonía da Radio Galega. A primeira, ás 13:00 h, coa visita de Alfonso Pardo ao Club Deportivo Arcade, que celebra o seu centenario. A segunda entrega, ás 15:15 h, estará dedicada aos xogos electrónicos. A xornada rematará coa entrega, de 23:00 a 00:00 h, do espazo de motor centrado no motocrós en Lugo, e a información dos galegos que preparan os Xogos de París 2024 na sección olímpica.

O domingo, a edición matinal comeza ás 11:45 h coa retransmisión do Linares-Rácing de Ferrol e do Pontevedra-Ceuta, na Primeira RFEF. A xornada complétase co Lugo B-Marino, na Segunda, e os tres encontros programados para o mediodía na Terceira. A partir das 15:00 h, o ‘Galicia en goles’ deseñará unha ampla despregadura para o Celta-Valladolid, da Primeira División profesional. É un encontro en que o equipo vigués necesita a vitoria para acomodarse na zona tranquila da clasificación.

O Levante-Lugo, da Segunda División profesional, que se disputa no Ciutat de Valencia, será outro dos argumentos principais. O fútbol da Segunda e Terceira Federación e o encontro de balonmán Cisne de Pontevedra-Ademar León pecharán a tarde de retransmisións. A partir das 23:00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque‘ analizarán a xornada e, ás 00:00 h, chegará a análise do sucedido na Terceira Federación.

Durante a fin de semana, os oíntes poderán escoitar integramente os finais das etapas da Volta o Gran Camiño a través das páxinas web radiogalega.gal e g24.gal/deportes. O sábado a emisión principia ás 16:00 h, mentres o domingo arrancará ás 13:00 h. Pola FM, os afeccionados a esta disciplina terán ampla información nas edicións da fin de semana de ‘Galicia en goles’.

Fuente Crtvg.es