O derbi entre o Rácing de Ferrol e o Compostela xógase este sábado, en directo, nos medios públicos galegos

0
6

Santiago, 20.11.2020.- As propostas deportivas da G2 e da web da CRTVG desta fin de semana arrancan este sábado co rifado derbi de Segunda B, que disputarán o Rácing de Ferrol e a S. D. Compostela, ás 17.00 horas, na Malata. Os dous conxuntos acumulan tres partidos consecutivos sen coñecer a derrota, pero os composteláns deberán afrontar este encontro con 4 baixas importantes.

Ao remate do fútbol, os medios públicos mudan de disciplina e de localidade para ofrecer, en directo, ás 19.00 horas, desde o Pazo Paco Paz outro derbi, pero esta vez de baloncesto, entre Ibereólica Renovables Ourense e Leyma Coruña, correspondente á liga LEB Ouro.

O domingo, o fútbol será protagonista absoluto, de novo, das transmisións da G2 e da web da CRTVG, xa desde a sesión matinal. Así, ás 12.00 horas, o R. C. Celta B buscará a súa primeira vitoria fronte ao Zamora C. F.. Pola tarde, o espazo ‘A Liga das Cidades’ achegará, a partir das 17.00 horas, unha nova cita do Pontevedra C. F., quen co seu xogo na casa buscará consolidarse nos primeiros postos da táboa, ante o Salamanca C. F. UDS.

Fuente Crtvg.es