O ‘Diario Cultural’ volve esta fin de semana ao Culturgal

0
2

Santiago, 25.11.2021.-    Tras participar tamén na edición virtual de 2020, a CRTVG volve á Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, no ano en que recupera o formato presencial, despois da parada provocada pola pandemia. O certame celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra esta fin de semana baixo o lema ‘A cultura que toca’.

O evento cultural contará cunha ampla cobertura dos medios públicos galegos. O ‘Diario Cultural’ da Radio Galega amplía o venres a súa duración de 17.00 a 18.00 h e ofrecerase desde o Culturgal. O espazo incluirá un faladoiro con editores e outro sobre o Centro Dramático Galego e súas as próximas estreas, coa participación do director do CDG, Fran Núñez; da directora teatral Marta Pazos e do actor, dramaturgo e director de escena Cándido Pazó. A maiores, o programa percorrerá en directo os diferentes stands, as exposicións que ofrece a feira e acudirá á performance de Ana Gesto na presentación da nova edición de ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’ .

Na xornada do sábado, a edición de fin de semana do ‘Zigzag’ da TVG contará ás 10.30 h coa presenza do director da feira, Xosé Aldea, para debullala polo miúdo. E tamén os diferentes telexornais da TVG, ao igual que os informativos da Radio Galega, darán cumprida información da feira con reportaxes e conexións en directo ao longo de toda a fin de semana. Tamén o portal crtvg.gal emitirá o streaming de CulturgalTV, desde as 12.00 h ata as 21.10 h o sábado e o domingo.

Ademais, a CRTVG volverá instalar no seu stand un estudio virtual, cun Chroma-Key, onde os visitantes poderán converterse por uns minutos en presentadores nun decorado característico dun informativo da TVG.

Os medios públicos participan intensamente desde 2010 no Culturgal, ao que levaron desde entón distintas propostas culturais, así como programas en directo e presentacións de proxectos. Neste 2021, a Feira das Industrias Culturais ofrecerá máis de 150 actividades culturais durante a fin de semana, con 119 stands, máis de 80 empresas con presenza física e un completo programa vinculado ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas e da infancia.

Fuente Crtvg.es