O ‘Diario Cutlural’ da Radio Galega realízase este martes, en directo, desde a Fundación Camilo José Cela

0
5

Santiago, 10.12.2019.-  O ‘Diario Cultural’ da Radio Galega ofrece este martes, ás 17.00 horas, unha edición especial desde a Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia en homenaxe ao recoñecido escritor galego. O espazo radiofónico lembra a figura e a obra do autor de ‘A colmea’ cando se cumpren 30 anos da concesión do Premio Nobel de Literatura en Estocolmo.

Nesta xornada, en que Peter Handke recibe o galardón máis importante das letras do mundo, a xornalista Isabel Pichel conversará con persoas que estiveron presentes na cerimonia de entrega do Premio Nobel a Cela Trulock, como é o caso de Xurxo Fernández, quen por aquel entón traballaba no xornal ‘El Correo Gallego’ e foi o responsable de ilustracións que acompañaron textos de Cela, e de Pedro Calvo Sotelo, ex-agregado cultural da embaixada española en Suecia.

Ao longo desta edición especial, o ‘Diario Cultural’ ofrecerá unha entrevista a Camilio José Cela Conde, realizada na biblioteca da Real Academia Española, sobre a significación e a relación con Galicia na obra do seu pai, entre outras cuestións.

Outra das convidadas esta tarde será Covadonga Rodríguez, subdirectora da Fundación Camilo José Cela, con quen se falará sobre o legado literario e artístico que se conserva na institución, onde destaca a súa colección de manuscritos, un rico epistolario e unha biblioteca coas edicións da súa obra e con estudos sobre a mesma, unha hemeroteca con referencias ao autor e unha pinacoteca con obras de Picasso e Miró, entre outros.

Fuente Crtvg.es