O #DígochoEu da CRTVG, Premio da Cultura Galega 2021

0
14

Santiago, 02.11.2021.-    O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu suma un novo recoñecemento e acaba de recibir o Premio da Cultura Galega 2021 na categoría de Lingua, un galardón co que, un ano máis, a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou do #DígochoEu que se trata dunha “exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre a lingua galega de xeito sinxelo e eficaz a través de micropezas audiovisuais na CRTVG”, empregando “unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades”.

Na resolución dos Premios da Cultura Galega tamén se destaca que “desde a súa posta en marcha, a difusión do espazo, a través da TVG e as súas redes sociais, contribúe tanto a mellorar o uso oral e escrito da nosa lingua como a que os falantes coñezan a riqueza da lingua galega”.

Presentado por Esther Estévez, dirixido polo xornalista Carlos F. Amado e con Rocío Pérez como asesora lingüista, o  #DígochoEu convida a falar mellor a nosa lingua a través de vídeos en que se propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. O proxecto naceu dentro da web dos servizos informativos, onde deseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana. #DígochoEu foi galardoado ademais co Premio Paraugas de Comunicación 2020 e co Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua pola súa comunicación e impacto neste ano 2021.

Actualmente #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (g24noticias), Facebook (g24noticias), YouTube (youtube.com/tvg), TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no ‘Telexornal’ da TVG. A boa recepción entre os máis novos fai que na rede TikTok conte xa con case 32 millóns de reproducións dos vídeos co cancelo #DígochoEu e en Instagram acadase en pouco máis de dous meses a cifra máxica de 10.000 seguidores. Ademais, desde maio, o espazo emítese dúas veces á semana en Twitch (twitch.tv/crtvg) e #DígochoEu estreou tamén web propia, digochoeu.gal, onde se recollen os vídeos diarios e tamén os emitidos no Twitch.
    
Os outros galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021 son: na categoría de Letras, o poeta e narrador Bernardino Graña; en Artes Plásticas, o artista Antón Pulido; en  Artes Escénicas, a formación Nova Galega de Danza; en Música, a pianista Natalia Lamas; en Audiovisual, a produtora e directora cinematográfica Zaza Ceballos, unha das pioneiras do sector en Galicia; en Patrimonio Cultural, o mosteiro de San Pedro de Rocas, e finalmente, na categoría de Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.

Fuente Crtvg.es