O director xeral da CRTVG garante o investimento no sector audiovisual galego para o ano 2021

0
8

Santiago, 20.11.2020.-  O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta mañá na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar as Contas Anuais da Corporación correspondentes a 2019, nunha sesión atrasada por mor da pandemia e do calendario do Parlamento de Galicia.

Entre os datos achegados por Sánchez Izquierdo atópase o feito de que Corporación de Radio e Televisión de Galicia pechou o ano pasado cun resultado positivo de máis de 1.600.000 euros, e cunha grande estabilidade laboral. No eido dos recursos humanos da CRTVG, o que conta cun maior orzamento en gastos, lembrou o director xeral que “o gasto de persoal no 2019 acadou un valor de 50,1 millóns de euros. Este comportamento supón un incremento en termos porcentuais dun 2,6 respecto 2018”.

O director xeral salientou que nos últimos dez anos, entre 2009 e 2019, as contas da Corporación presentaron sempre superávit, o que permitiu sanear xa 34,9 millóns de euros nestes 10 anos. E a día de hoxe, e desde 2013, mantense a situación sostida de ausencia de débeda bancaria. Sánchez Izquierdo mencionou tamén que 2019 pechou cuns datos de audiencia récord para a Radio Galega, cunha cota acumulada de 174.000 oíntes das súas canles, o mellor dato desde o 2014, e que os informativos da TVG, que ocupan a segunda posición en termos de audiencia na rede de FORTA, son informativos líderes nas dúas franxas máis importantes do día, as de mediodía e do serán.

Arredor dos investimentos no sector audiovisual galego (35,9 millóns de euros no apartado de Compras), durante o 2019 mantívose na TVG o equilibrio entre a produción propia e a propia externa -sumaron o 96% do total da emisión-, o que supón un 96% de produto esencialmente galego, xerado cos medios propios da CRTVG ou delegado no sector audiovisual galego. De feito, a Televisión de Galicia é a televisión autonómica que fai máis investimento en contidos audiovisuais, como reflectiu este ano o informe anual da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, feito público o pasado mes de maio.

Nesta liña e sobre este sector, que foi obxecto de axudas extraordinarias por parte dos medios galegos durante os pasados meses por mor da situación de crise xerada pola pandemia da Covid-19, Sánchez Izquierdo aclarou que «de cara a 2021 o que lles podo dicir é que, ante o incerto escenario económico que vivimos, a xestión en equilibrio orzamentario da CRTVG durante todos estes anos permite afrontar cunhas mínimas garantías o curto prazo, de forma que poidamos manter un nivel alto de investimento no sector audiovisual como fixemos ata o de agora, mantendo o equilibrio entre a produción propia e a propia externa. Cremos que ese equilibrio e este apoio é necesario máis se cabe nestes momentos de incerteza grave para o sector audiovisual de Galicia”.

Na mesma sesión desta mañá, e en resposta a un posible futuro proceso selectivo de persoal, o director xeral da CRTVG sinalou que «dicir que a situación laboral ou de remuneración na CRTVG é mala, ou falar de desmantelamento, e máis neste contexto actual, é unha afirmación que debería facer reflexionar a quen a pronuncie». Sobre ese futuro proceso de regularización de emprego, salientou que «en 35 anos só houbo dous procesos de regularización de emprego, e é certo, e con este que anunciamos, sempre que haxa acordo coa parte social, serían tres, pero é que, deses tres, dous serán nos últimos dez anos e baixo esta dirección xeral. É dicir, esta dirección xeral é a que máis emprego regularizou na CRTVG tanto mediante procesos selectivos como na loita contra a contratación fraudulenta».

Fuente Crtvg.es