O dúo Gemeliers, a banda The Rapants e a orquestra Finisterre, convidados no ‘Bamboleo’ deste sábado

0
56

Santiago, 24.09.2022.-    ‘Bamboleo’ ofrece este sábado pola noite unha gran festa na Televisión de Galicia para celebrar o inicio da súa décimo segunda temporada. Neste programa especial, o espazo que presenta Xosé Manuel Piñeiro contará coa presenza de catro parellas de baile, ademais das actuacións musicais dunha das orquestras máis emblemáticas da verbena galega: a orquestra Finisterre.

Os primeiros convidados desta nova temporada van ser dous irmáns xemelgos que desde nenos arrasan na música: Gemeliers. Daniel e Jesús saltaron á fama ao participar nun concurso musical e, despois de catro álbums número un en España e varios discos de platino, continúan a súa exitosa traxectoria profesional. Os sevillanos compartirán algúns dos seus temas máis coñecidos e, ademais de cantar, veñen dispostos  a pasalo moi ben.

The Rapants, unha banda de Muros que combina o indie, o garage e os ritmos disco e latinos, tamén estará entre os convidados. Interpretarán un adianto do seu próximo disco: un tema titulado ‘O avión’.

Catro parellas de bailaríns, especialistas en diversas modalidades, farán as súas exhibicións hoxe no estudio de ‘Bamboleo’. Os madrileños Yeifren e Elena amosarán a súa destreza en ritmos latinos e a parella galego-italiana formada por David e Denisse traerán dúas exhibicións de baile deportivo. Os vigueses Izzan e Daniel ofrecerán dúas magníficas mostras de danzas urbanas e Edgar e Alina, campións de España e Polonia e finalistas mundiais en baile de deportivo, farán o propio na súa disciplina.

Con ‘A Jrileira’ e a ‘ITV do Amor’ chegará o tempo de xogar. Dúas entidades deportivas, o Visantoña Club de Fútbol e o SD Samertolameu de Moaña, un club de balonmán, mediranse cantando e acertando intérpretes. Mentres, a ‘ITV do Amor’ porá a proba unha parella e dous amigos que intentarán confundir un participante do público.

Fuente Crtvg.es