O ‘Efervesciencia’ da RG celebra a ‘Noite Europea das Persoas Investigadoras’, este venres, desde Vigo

0
4

Santiago, 23.09.2021.-  O ‘Efervesciencia’ da Radio Galega toma as rúas galegas este venres, a partir das 19.00 horas, para facer partícipes os seus oíntes da celebración da Noite Europea das Persoas Investigadoras, proxecto de divulgación científica que ten lugar simultaneamente en máis de 370 cidades europeas.

En directo, desde o Tinglado do Porto de Vigo, o espazo de divulgación científica da Radio Galega, medio oficial deste evento no noso país, establecerá conexións coas actividades que se van desenvolver simultaneamente nas sete cidades galegas, dará conta dos obradoiros que teñen lugar na cidade olívica, e pulsará o ambiente en cada un dos emprazamentos.

O ’Efervesciencia’, dirixido e presentado por Manuel Vicente, contará como convidados, para esta edición especial, con investigadores do Instituto Español de Oceanografía e da Universidade de Vigo. Despois de 11 anos sen organizarse en Galicia, regresa este 24 de setembro baixo o lema de Conciencias creativas, coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo central.

Financiada pola Comisión Europea e coordinada pola Universidade de Vigo, a Noite das Persoas Investigadoras encherá as cidades galegas de actividades de divulgación científica en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares. Tanto o programa científico da emisora pública como a celebración do evento estarán abertos ao público.

Fuente Crtvg.es