O encontro da previa da Champions entre Obradoiro e Mornar de Macedonia abre este martes a semana de deportes da Radio Galega

0
1

Santiago, 25.09.2023.- Semana histórica para o Obradoiro de Santiago. O martes, desde as 20:30 h, xoga en Turquía o seu primeiro partido de competición europea, que os oíntes poderán seguir de xeito íntegro a través das plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes. O rival é o Mornar Bar de Macedonia, un modesto equipo que representa a unha vila duns catorce mil habitantes, pero que xa ten experiencia en torneos continentais. O partido corresponde aos cuartos de final da previa da Champions, e para acceder á fase final é necesario superar dúas eliminatorias máis, que se celebrarían o xoves e o sábado desta semana na mesma cancha de Antalya.

O xoves, a FM da Radio Galega retransmitirá desde Balaídos o encontro da sétima xornada da Primeira División entre o Celta e o Alavés. A derrota do sábado en Montjuic e o resto de resultados provocaron que o equipo de Benítez caera a postos de descenso. O adversario é un rival directo na loita pola permanencia, de aí a importancia dos puntos. 

Xa o venres, os afeccionados do Breogán poderán gozar desde as 20:30 h, pola FM, da segunda xornada da Liga ACB, coa visita do equipo de Lugo ao Andorra, que acaba de ascender. Vai ser unha semana contra o reloxo para o equipo galego, xa que o domingo pola tarde volverá ter competición, desta volta no Pazo ante o Manresa.

Na fin de semana, o ‘Galicia en goles’ chegará á audiencia coas edicións habituais. O sábado, desde as 15:00 h, a atención estará posta na visita do líder da Primeira RFEF, o Nástic de Tarragona, ao Anxo Carro para enfrontarse ao Club Deportivo Lugo. O domingo, 11:45 h, o Fuenlabrada-Deportivo vai ser o partido destacado da matinal. Pola tarde, 15:00 h, o programa seguirá o Barça Atlético-Celta Fortuna e o Arenteiro-Tarazona, xunto ao resto do fútbol galego.

Ata o luns 2 de outubro non chegarán as citas do fútbol profesional para os nosos equipos, polo que a Radio Galega programará unha edición extraordinaria de ‘Galicia en goles’, que comezará ás 20:30 h, para seguir o As Palmas-Celta, desde Gran Canaria, e o Español-Rácing de Ferrol, no estadio de Cornellá.

Fuente Crtvg.es