O equipo de cociñeiros de ‘Come a comarca’ achégase á Barbanza para preparar empanada de berberechos, chocos da ría e papas de arroz

0
19

Santiago, 14.07.2020.-   Empanada de berberechos, chocos da ría con arroz e papas de arroz. Este é o menú que deberán aprender a preparar esta semana o equipo de cociñeiros do programa ‘Come a Comarca’ (22.05 h), que visita a comarca da Barbanza para coñecer todos os segredos da súa gastronomía.

Alberto Carou, do Curral do Marqués, en Rianxo, será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía da Barbanza. Estes irán xunto ás mariscadoras de Cabo de Cruz, en Boiro, para aprender como se collen os berberechos. Iso si, traballando canda elas. Cos berberechos apañados visitarán a Felisa, de Casa Pachín, quen será a encargada de ensinarlles a facer a exquisita empanada de berberechos con cuncha tan típica desta comarca. Os concursantes tamén van estar na lonxa de Rianxo, onde Fran, vicepatrón da confraría desta vila, os guiará polo mundo das poxas de peixe. Alí terán que poxar para levar un quiliño de chocos ao Mesón Don  Miguel, na Pobra do Caramiñal, onde aprenderán a cociñalos na súa tinta. Por último, coñecerán a historia e a elaboración das papas de arroz da man de Rosa Collazo, unha experta cociñeira desta sobremesa da Barbanza.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, na lonxa de Ribeira, aos mellores cociñeiros da comarca preparando eses pratos: Belén Franco, da panadería Pireta (Rianxo); Dani Torres e Juan Patiño, da tapería A Recoveira (Ribeira), e Óscar Miguel Rodríguez e María Francisca Chouza, da cafetería A Central (Ribeira). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida que equipo ‘Come a Comarca’ da Barbanza.

Fuente Crtvg.es