O equipo de ‘Galicia Bonita’ ponse en marcha este luns para enfrontarse nesta nova temporada a todo tipo de retos e dificultades

0
31

Santiago, 19.09.2022.-    A arquitecta especializada en recuperación de contornas no rural Rosa Facal e os seus pintorescos axudantes póñense este luns de novo en marcha por Galicia adiante na procura de vivendas sen rematar. Cun orzamento limitado e o prazo máximo dunha semana, o equipo de ‘Galicia Bonita’, coa axuda de propietarios e veciños, enfrontarase nesta nova temporada na TVG a todo tipo de dificultades que influirán no correcto desenvolvemento das obras.

En cada entrega de ‘Galicia Bonita’, Rosa Facal e o seu equipo, formado polo albanel Javier, que nesta quinta temporada contará coa axuda de Adri e de Litos, a deseñadora Laira e os carpinteiros Carlos e Álex, seguirán loitando contra o feísmo, ese tipo de arquitectura descoidada e sen gusto, que predomina en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia.

Como novidade, non só serán de vivendas e alboios as reformas que ocuparán durante as vindeiras semanas o tempo do programa, senón que tamén se acometerán traballos en edificacións tradicionais, como un hórreo e un antigo muíño, entre outros.

Sen ir máis lonxe, o equipo de ‘Galicia Bonita’ acode hoxe á Fonsagrada para acometer a recuperación dunha vivenda tradicional. O traballo de albanelaría, con demolicións e construcións, ocupará o groso das reformas neste concello lucense.

Ademais, Rosa adiantaralle ao seu equipo que o xefe de carpinteiros non poderá estar na obra durante toda a semana, o cal reducirá en gran medida a súa marxe de manobra e porá en apuros os seus compañeiros para rematar a tempo.

Fuente Crtvg.es