O equipo de reformas de ‘Galicia bonita’ ponse de novo en marcha e chega este luns a Ourense

0
47

Santiago, 27.01.2020.-   Este luns comeza na Televisión de Galicia unha nova temporada do programa ‘Galicia bonita’, un docu-reality de reformas en que unha arquitecta percorre a xeografía galega na procura dos feísmos máis comúns, para poñerlles remedio xunto cos veciños e o seu ‘equipo de arranxos’. Cun formato dirixido a todos os públicos, permite coñecer Galicia fomentando o respecto ao medio ambiente e a sostibilidade.

Xa sexa por mor dunha débil economía, por descoñecemento ou por causas máis relacionadas cunha compoñente social e identitaria, o feísmo galego, desprezado por uns e tolerado por outros, é unha característica propia do paisaxe rural galega. Somieres de resortes utilizados como cancelas, bañeiras e lavabos como testos e todo tipo de materiais de construción utilizados como acabados en vivendas e pendellos son moitos dos exemplos que se poden ver de xeito habitual paseando polas aldeas galegas.

Rosa Facal, especializada na recuperación de contornas no rural e o seu equipo, formado polo albanel Javier, a decoradora Laira e o carpinteiro Carlos, seguirán visitando durante as vindeiras semanas algunhas das vivendas máis descoidadas de Galicia para asesorar e axudar na súa rehabilitación, loitando así contra este tipo de arquitectura que predomina en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia.

Cun orzamento limitado e o prazo máximo dunha semana, o equipo de ‘Galicia bonita’, coa axuda de propietarios e veciños, enfrontarase a todo tipo de dificultades que influirán no correcto desenvolvemento das obras.

A primeira parada desta nova etapa será en Ourense, na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo. Alí, entre ferralla e amianto, Rosa e os seus axudantes atoparanse cunha fanática do equipo de reformas de ‘Galicia bonita’. Paqui chamará a todo o seu séquito de amigas para que veñan coñecer os seus ídolos mentres a obra camiña con numerosos atrancos.

Fuente Crtvg.es