O espazo ‘Clac’ lembra este venres na G2 o naufraxio do Santa Isabel hai un século coa proxección do filme ‘A illa das mentiras’

0
20

Santiago, 11.03.2022.-    O programa ‘Clac’ (22.55 h) trasladaralles hoxe os espectadores da G2 a un suceso real ocorrido hai un século nas costas galegas: o naufraxio do Santa Isabel. A película ‘A illa das mentiras’, a proposta desta semana, rodouse no inverno de 2019, en localizacións de Sálvora, Muros e San Vicente do Mar.

Un barco de vapor que viaxaba de Bilbao á Arxentina viuse envolto nunha noite de tempestade e afundiuse xunto á illa de Sálvora. Entre emigrantes e mariñeiros, morreron afogadas 213 persoas dun total de 269 pasaxeiros. Ante a ausencia dos homes da illa, que estaban no continente, foron as mulleres quen, navegando nas dornas, intentaron salvar eses náufragos.

A directora do filme, Paula Cons, explicará no estudio de ‘Clac’ o proceso de documentación para poñer o xermolo do filme, en que tamén relata a vida dos mariñeiros en 1921 a partir dunha caracterización real. Pola súa parte, Victoria Teijeiro, que encarna a irmá da protagonista -interpretada por Nerea Barros- confesará a dificultade de comunicar a través da ollada máis que da palabra e relatará como preparou o papel. Ambas as dúas expresarán tamén as sensacións que provoca a rodaxe nunha illa. Así mesmo, o espazo presentado por Tania F. Lombao tratará a fortaleza dos medios de comunicación para construír e derrubar mitos.

A actualidade cinematográfica e da carteleira tamén terá o seu oco no espazo da G2, que, como cada semana, contará coa participación do experto en cinema Eduardo Galán.

Fuente Crtvg.es