O espazo ‘Clac’ trae esta noite ‘Arima’, un novo filme participado pola TVG, ópera prima de Jaione Camborda

0
10

Santiago, 6.5.2022.-  O espazo de cinema ‘Clac’ reflexiona este venres (22.40 h) na G2 sobre ‘Arima’, unha película aberta á interpretación, simbólica e psicoanalítica, un filme que se desenvolve entre o real e o imaxinado, e tamén entre o desexado e o temido. Para o faladoiro previo á proxección deste novo filme participado pola TVG, a presentadora Tania F. Lombao contará no estudio coa presenza da directora da cinta, Jaione Camborda, e o actor Tito Asorey.  

Nesta historia, que a Galega estrea esta noite, cinco mulleres de distintas idades, tamén unha nena, confrontan na vida cotiá os seus anhelos e temores máis profundos. Todo isto, nunha pequena vila afastada, nocturna e invernal. ‘Arima’, con influencias de filmes como ‘Cría cuervos’ e ‘O espírito da colmea’, é unha película rodada en formato 16 mm e escrita e dirixida por Jaione Camborda, cineasta vasca asentada en Galicia hai dez anos. A directora participou na escrita dos guións de ‘Os Fenómenos’ e ‘Ons’, dirixidas por Alfonso Zarauza.

A ópera prima de Camborda céntrase na historia de cinco mulleres. Mabel Rivera interpreta o papel dunha enferma de alzhéimer. Melania Cruz é a súa filla e tamén mestra de pintura. A terceira é Iria, quen leva un karaoke na vila. Completa a historia outra muller, que se sente atraída por un descoñecido, mentres convive coa curiosidade e os medos da súa filla pequena, Olivia. A vida de todas elas sofre un xiro cando aparece un estraño cazador, encarnado por Tito Asorey.

A directora Jaione Camborda explicou como a película explora no subconsciente feminino. Así mesmo, tratou de poñer luz sobre algúns dos símbolos do filme, aínda que sen revelar completamente as súas intencións, para que sexan os espectadores os que o fagan. Utiliza a figura do cazador como símbolo, tamén o ollo dunha das protagonistas e os percorridos polo subsolo. Tito Asorey reflexionou sobre o xeito de preparar o papel dun filme reflexivo, arredor da figura das mulleres e como é influída polos homes.

A actualidade cinematográfica e da carteleira tamén terá o seu oco en ‘Clac’, que, como cada semana, contará coa participación do experto en cinema Eduardo Galán.

Esta edición de ‘Clac’ poderase ver, de novo, o sábado na franxa nocturna da TVG.

Fuente Crtvg.es