Santiago, 15.11.2023.- ‘Xente Marabillosa’ volve este mércores (22:50 h) á TVG cunha entrega centrada nos excesos da mocidade coa bebida e as súas consecuencias. Un problema que está acadando datos moi preocupantes, xa que a idade en que os rapaces comezan a experimentar co alcol descendeu de xeito alarmante e, ao mesmo tempo, incrementouse o volume de inxestión. Ademais, o consumo en idades temperás pode implicar riscos irreversibles no futuro. Trátase dun escenario realmente alarmante, xa que na actualidade existe unha asociación directa entre a bebida e o tempo de lecer dos adolescentes.
Como é habitual, Lucía Rodríguez, será a encargada de expoñer a problemática escollida e recibir no estudio o padriño do programa. Neste caso, será Pedro García Aguado, un dos deportistas máis laureados do país. O ex-xogador de wáter-polo, moi coñecido a nivel televisivo por presentar o programa ‘Hermano Mayor’, sufriu adiccións no pasado e agora dedica boa parte do seu tempo a axudar mozos que están atravesando o mesmo inferno. Xunto a el tamén estará o atleta vigués Gonzalo Basconcelo, que deu a coñecer a súa loita contra o alcol a través dun fío de X (o antigo Twitter) que tivo moita repercusión.
Os testemuños dos convidados complementaranse coa estrea de dúas novas cámaras ocultas que buscan evitar a normalización das condutas asociadas á inxestión masiva de alcol. Nelas, unhas mozas intentarán forzar unha compañeira para que beba. Se non o fai, non deixarán que vaia con elas a unha festa á que están convidadas. A rapaza negarase, alegando que lle senta mal, pero as amigas continuarán coaccionándoa. Por sorte, dúas persoas marabillosas evitarán que consuma alcol contra a súa vontade, un feito polo que serán obsequiadas no estudio co trofeo do programa e recibirán unha homenaxe cargada de sorpresas.
Finalmente, os momentos musicais correrán a cargo do grupo Lontreira, que interpretará os temas ‘Ata a volta’ e ‘Corazón de toxo, este último, gañador do concurso da canción do verán da CRTVG en 2022.
Fuente Crtvg.es