O estudio multimedia da CRTVG, presentado como caso de estudo na Conferencia Anual de CIRCOM

0
22

No marco do panel ‘Innovación e tendencias’, Carlos García Verdugo, coordinador de operacións da Corporación, explicou a funcionalidade e versatilidade deste espazo multicanle en que converxen radio, televisión e Internet

Preto de 250 televisións rexionais públicas europeas reúnense en San Sebastián para abordar os retos do sector

O estudio multimedia da CRTVG, presentado como caso de estudo na Conferencia Anual de CIRCOM

Santiago, 01.06.2023.-    A 39ª Conferencia Anual de CIRCOM, a asociación das televisións rexionais públicas europeas, acolle este xoves e venres en San Sebastián os casos de estudo máis destacados elixidos entre case 250 canles de toda Europa. Neste marco a CRTVG foi convidada a presentar o seu novo estudio multimedia, en que converxen radio, televisión e canles dixitais con calidade broadcast en todas as canles.

No seu relatorio dentro do panel ‘Innovación e tendencias’, Carlos García Verdugo, coordinador de operacións da Corporación, explicou no auditorio do Kursaal, ateigado de profesionais de medios de toda Europa, a funcionalidade e versatilidade deste estudio, e expuxo exemplos de formatos e producións en que se combinan os recursos dos estudios da Radio Galega cos medios da Televisión de Galicia e as canles dixitais. Con máis de 100 horas de contido semanal para as distintas canles da CRTVG, este estudio multimedia da emisora consolidouse no último ano como un dos principais activos de produción da Corporación.

Representantes de medios de toda Europa analizan esta semana en San Sebastián os retos do audiovisual baixo o lema ‘We Talk, We Listen, We Share’ e abordan temas clave como a transformación dixital e o achegamento ao público máis novo. CIRCOM Regional reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos. Este ano elixiu España para a súa conferencia anual e a gala dos Premios CIRCOM, que serán entregados esta noite en San Sebastián nunha gala en que será premiada a serie da TVG ‘Motel Valkirias’.

Fuente Crtvg.es