O Europeo de fútbol gaélico, o CSI4* de hípica, o Mundial de Motocrós e as traiñeiras, esta fin de semana, na CRTVG

0
15

Santiago, 15.7.2022.-  As maiores figuras da hípica, do motocrós, do fútbol gaélico e das traiñeiras danse cita nos medios públicos galegos esta fin de semana. Así, a G2 e a G24.gal/deportes asistirán a unha nova edición do Concurso Internacional de Saltos da Coruña para ofrecer dúas das grandes probas desta competición hípica: o Trofeo Longines (sábado, 21.30 h) e o Gran Premio Casas Novas (domingo, 19.55 h). Xinetes do máis alto nivel, como Julien Epaillard, Roger Yves Bost, Van der Vleuten, Erik, Mikel, os Whitaker -Joe, Jack e Adrian-, e os españois Eduardo Álvarez, Sergio Álvarez, Ismael García, Kevin González ou Mariano Martínez, volven reencontrarse no CSI4* Casas Novas, concurso de referencia no período estival.

Os amantes do fútbol gaélico, un deporte único e espectacular, orixinario de Irlanda, están unha fin de semana máis de parabéns, xa que a G2 ofrecerá o sábado, a partir das 20.00 horas, as finais masculina e feminina, da máxima categoría Championship, do Campionato Europeo de Seleccións de Fútbol Gaélico, que se disputan en Pontevedra. Este torneo reúne as principais seleccións masculinas e femininas do continente neste xogo, entre as que se atopa Galicia.

O deporte autóctono galego do verán por excelencia, as traiñeiras, será tamén protagonista das transmisións da Galega esta fin de semana, coa achega de competicións da Liga ACT e da Liga Galega de Traiñeiras.

Por unha banda, o sábado ofrecerase na G2 e a web da CRTVG a Bandeira de Orio, coa elite do remo, tanto da Liga Euskotren (17.35 h), que lidera Arraun Lagunak, como da masculina Eusko Label (18.05 h), coa embarcación Donostiarra como abre cancelas. O domingo, desde augas de Zierbana, darase a 39ª Bandeira Edinor (11.35 h), correspondente ao torneo feminino de traiñeiras, e a masculina 39ª Bandeira Petronor (12.05 h).
    
E pola outra, as mellores embarcacións galegas, que disputan a Liga Galega de Traiñeiras, reencontraranse o domingo na ría de Arousa para celebrar a 2ª Bandeira Feminina Alicrusa (17.00 h) e a 17ª Bandeira Concello da Pobra (17.30 h). Ambas competicións daranse, en directo, pola G24.gal.

As cámaras da Galega seguirán de preto este domingo tamén a participación dos galegos Jorge Prado e Rubén Fernández no MXGP da República Checa, a décimo terceira proba do Campionato do Mundo de Motocrós. Desde Loket, a G2 e a G24.gal achegarán as dúas mangas deste gran premio (14.00 e 19.00 horas), ao que Tim Gjaser chega como líder da clasificación provisional, seguido polo lucense Jorge Prado, que intentará repetir a vitoria da temporada pasada, e, en terceiro lugar, Jeremy Seewer. O vigués Rubén Fernández sitúase na sexta posición da táboa.

Fuente Crtvg.es