O ‘Eventos G’ deste venres busca a sucesora de Ana Kiro, a raíña da romaría galega

0
49

Santiago, 02.09.2022.-    Ana Kiro é, indiscutiblemente, a raíña da romaría galega. A súa música está estreitamente unida ás festas populares de toda Galicia e o seu legado, imborrable, esténdese ata a actualidade. Non debe existir ningún galego que non escoitara a súa voz ou a súa música nalgunha verbena. Ana Kiro posúe unha das máis amplas carreiras discográficas de Galicia e, ao longo da súa dilatada carreira, ofreceu centos de concertos, nutríndose sempre das cancións populares do país.

Chegou o momento de homenaxeala da mellor maneira: buscando a súa herdeira no trono. Para isto, a TVG ofrece esta noite o ‘Eventos G’ titulado ‘Ana Kiro. A sucesora’, onde cinco artistas competirán por converterse na nova raíña da romaría: Pili Pampín, Lucía Perez, Tania Veiras, Eva Iglesias e Tamara Pérez, cinco grandes cantantes, comunicadoras e, ante todo, admiradoras que forman xa parte do legado de Ana Kiro. Nas súas mans estará elixir a sucesora, xa que entre as cinco terán que poñerse de acordo.

Neste programa especial farase ademais un repaso polos momentos máis importantes da vida de Ana Kiro, desde a súa xuventude, pasando pola súa enfermidade na infancia, a súa separación e a vida con Carlos, ata os seus últimos anos, en que nunca deixou de deleitarnos coa súa voz e co seu sorriso. E cantará de novo, esta vez acompañada polas cinco aspirantes, que terán a ventura e a responsabilidade de compartir escenario con ela.

Pero só unha poderá converterse na sucesora, na nova raíña das festas e das verbenas. Quen será a afortunada? É unha gran pregunta que, desde logo, non deixará a ninguén indiferente, e cuxa resposta coñecerán os espectadores da Televisión de Galicia da man de Alba Mancebo e Arturo Fernández.

Fuente Crtvg.es