O ‘Eventos G’ deste venres métese entre bambolinas da Olympus, unha das nosas orquestras imprescindibles

0
27

Santiago, 5.8.2022-   Nun universo non moi lonxano, o imperio das orquestras estaba dominado pola París de Noia, A Panorama e o Combo Dominicano… Ata que chegou a Olympus! No ‘Eventos G’ (21.55 h) deste venres coñecerase a historia desta emerxente orquestra que chegou aos campos da festa de Galicia para quedarse, da man de Pepe, o seu dono e o artífice dunha estratexia agresiva para situarse no máis alto do imperio das orquestras.

Presentado por Alba Mancebo e Arturo Fernández, o especial ‘Olympus, o imperio contraataca’ desprazarase ata a nave onde ensaian, realizan todo tipo de xestións, poñen a punto o escenario e incluso viven algúns dos compoñentes! Verase a relación que teñen co resto de orquestras e as distintas rivalidades, e ademais, coñeceranse as historias de todos os cantantes que integran a familia de Olympus: María Kilate, Alba Navarro, Diego Barbazán, Leo Martínez, Eulicer Aróstegui e Néstor Peña.

A historia dunha orquestra que naceu nun taller mecánico en Negreira, comezou como unha discoteca na vila e rematou por converterse nunha das formacións máis grandes de Galicia. Cunha filosofía baseada en ofrecer un gran espectáculo, a todos os niveis: escenografía, luminotecnia, coreografías impactantes, pirotecnia, sorpresas e, sobre todo, músicas e músicos de calidade.

Fuente Crtvg.es