O exconcursante dun reality, protagonista en ’48 horas para o si’ da petición de man desta semana

0
14

Santiago, 18.01.2022-   A historia desta noite de ‘48 horas para o si’ naceu na televisión e, se a sorte segue do seu lado, a parella podería poñer o ramo e celebrar o seu gran día tamén neste medio. Este martes acode ao programa coa intención de casar Daniel, que disporá de 48 horas para levar a cabo os preparativos da petición de man e a posible celebración da súa voda con Miriam. Para este cometido, contará coa axuda dun cómplice, o seu amigo David ‘Pedre’. Amais, Alba, estilista da Coruña, e Rubén e Fer, dous organizadores de vodas coruñeses asentados en Marín, contribuirán a facer realidade o soño de Daniel.

Os protagonistas desta semana, Daniel Iglesias e Miriam Conejo, coñecéronse hai máis de sete anos tras o paso do mozo por un reality de televisión, en que a finalidade era conseguir parella. Miriam, unha gran fan dese programa, ao quedar fascinada co rapaz, comezou a escribirlle vía Twitter. Despois de conectar e falar a diario durante 4 meses, Daniel decidiu ir coñecela en persoa a Huelva. Todo saíu de marabilla e, finalmente, Miriam decidiu hai dous anos instalarse en Galicia por amor. Establecéronse en Narón e hai pouco mercaron unha casa.

A presentadora Iolanda Muíños recibirá hoxe en ’48 horas para o si’ a Daniel, un mozo moi tradicional do Ferrol, de 35 anos, que traballa no Exército, e quere dar o paso de casar e ter fillos co amor da súa vida. Pola súa parte, Miriam, de 28 anos, xerocultora e natural de Palos de la Frontera, acode totalmente enganada ao espazo da Galega, xa que pensa que vai participar no concurso ‘Que parellas!’, consistente en demostrar que se coñecen á perfección como parella.

El arriscarao todo para conseguir o ansiado ‘si, quero’, pero, cal será a reacción de Miriam? A resposta, esta noite, nunha nova entrega do programa ‘48 horas para o si’, a partir das 23:00 horas.

Fuente Crtvg.es