O fenómeno musical das Tanxugueiras e a presentadora do momento, Esther Estévez, únense na ‘Tanxuverbena’ que a TVG organiza para o Día das Letras Galegas

0
47

Santiago, 17.05.2022.-   No Día das Letras Galegas, a Televisión de Galicia celebra esta noite a ‘Tanxuverbena’ (23:15 h), o resultado de unir un fenómeno musical de éxito, as Tanxugueiras, coa volta das festas e verbenas. E poñendo orde no evento estará a presentadora do momento, Esther Estévez, que acaba de recibir o Mestre Mateo á mellor comunicadora.

A esta festa de música e amizade están convidados, ademais das Tanxugueiras como anfitrioas, músicos como Andrés Suárez, Rozalén, Boyanka Kostova, Grande Amore, Xoana, Familia Caamagno e La Quinkillada.

Como toda verbena, vaise celebrar ao aire libre nun espazo singular, entre os concellos de Teo e A Estrada, e non van faltar os postos de polbo e churrasco para repoñer forzas entre baile e baile.

As Tanxugueiras ofrecerán os temas máis coñecidos do grupo, os éxitos cos que están triunfando alá por onde pasan, pero tamén presentarán algunha canción nova que forma parte do terceiro disco que están a piques de publicar. Da súa man virán moitas das sorpresas da noite. Así, por primeira vez cantarán xuntas as Tanxugueiras e Rozalén e, ademais, os espectadores escoitarán a manchega cantar en galego.

Non serán as únicas. En todas as verbenas soan os éxitos do momento e na ‘Tanxuverbena’ escoitaranse temas tan coñecidos como a ‘Muinheira de interior’, de Boyanka Kostova, ou a versión de ‘Xuntos’, un clásico das romarías, de Familia Caamagno.

Soará a música ao longo da verbena, pero tamén haberá tempo de falar, chancear e contar anécdotas entre tema e tema. Compartindo unha ración de polbo ou un pouco de churrasco, os artistas convidados iranlle contando á presentadora, Esther Estévez, momentos inesquecibles vividos nunha verbena.

Fuente Crtvg.es