O filme ‘Matria’, que conta coa participación da TVG, competirá na Berlinale

0
16

Santiago, 18.01.2023.-    ‘Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, que conta co apoio da Televisión de Galicia, participará na Berlinale, un dos festivais de cine máis importantes do mundo, que se celebra en Berlín do 16 ao 26 de febreiro. Alí a película terá a súa estrea mundial o día 17 de febreiro, a competición dentro da sección Panorama. A súa estrea comercial nas salas de cinema está prevista para o 24 de marzo.

Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.

‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.

Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, ‘Matria’ está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, Movistar e The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.

Fuente Crtvg.es