O fútbol de 2ªB e Terceira volve á G2 e a crtvg.gal con todos os equipos galegos

0
7

Santiago, 16.10.2020.-  A CRTVG é a canle autonómica que máis retransmisións e máis seguimento fai en directo dos seus deportistas ao longo do ano. Fiel a esta aposta estratéxica, a segunda canle da Galega e a web da CRTVG achegarán cada xornada os principais encontros dos equipos galegos de  2ªB e tamén da Terceira División de fútbol, amais doutras especialidades que xa son marca da Galega, coma o balonmán, o fútbol sala, o baloncesto, motor, traiñeiras ou hóckey.

Co arranque esta fin de semana da Liga de 2ª B e 3ª División de fútbol ponse en marcha na grella da G2 ‘A Liga das Cidades’, espazo presentado por Lorena Pose, que amais de transmitir en directo os partidos dos clubs galegos que militan nesas categorías, desenvolve un carrusel deportivo polos campos en xogo. Nesta temporada 2020-2021, a canle pública galega retransmitirá os encontros do Deportivo da Coruña, Celta B, Rácing de Ferrol, Compostela, Pontevedra e Coruxo. Ao igual que a 2ªB, a TVG tamén acompañará e ofrecerá os correspondentes aos 24 equipos galegos da 3ª División.

O programa ‘En Xogo’, un clásico deportivo da Galega, ofrecerá tamén en directo, cada domingo á noite, un resumo dos partidos de fútbol de todas as categorías, con especial atención aos disputados polo Celta na Primeira División e polo Lugo na categoría de prata. Óscar Benito, Gustavo Varela, Lorena Pose e Luis Timiraos á fronte do ‘En Xogo’ achegarán a actualidade de cada xornada, os mellores goles, entrevistas e os principais protagonistas no terreo de xogo e nas bancadas.

As retransmisións futbolísticas poderanse seguir tamén, en vivo, a través da web da CRTVG.

Esta fin de semana, 2ªB e Terceira División de fútbol

Volve a emoción do fútbol galego esta fin de semana aos medios públicos, co arranque da 2ª B e da Terceira División. Así, o domingo poderanse seguir en directo, a partir das 17.00 horas, o primeiro derbi galego da temporada 2020-21, entre Rácing de Ferrol e Pontevedra C. F., e o partido Coruxo-Zamora. O Deportivo da Coruña-Salamanca UDS tamén se ofrecerá íntegro e en aberto pola G2 e a web da CRTVG, ás 19.00 horas.

Pero a segunda canle da Galega comezará as transmisións deportivas xa o sábado, ás 18.00 horas, co encontro BM Porriño-BM Elxe, correspondente á División de Honra do balonmán feminino.

E tamén volverá o Campionato do Mundo de Motocrós ser protagonista da G2 este domingo, ás 13.00 e ás 16.00 horas. Tras gañar a pasada fin de semana o Gran Premio de España, o lucense Jorge Prado promete ofrecer unha nova competición trepidante desde Flanders (Bélxica), co liderado no aire.

Fuente Crtvg.es