Santiago, 18.12.2020.- O fútbol de Terceira División será o gran protagonista da programación deportiva que ofrecerá esta fin de semana a segunda canle da Galega. A primeira cita con esta categoría será o sábado ás 17.00 h, cando se retransmitirá o partido entre o Deportivo Fabril e o Viveiro C.F. Os locais afrontan con ánimos reforzados este partido da undécima xornada para encamiñar unha serie positiva tras vencer nos seus dous últimos partidos, contra o Fisterra e o Estudiantil Vista Alegre. Pola súa parte, o conxunto lugués foi goleado polo Bergantiños na última xornada.
O domingo pola mañá, os espectadores poderán ver en directo, a partir das 12.00 h, o Rápido de Bouzas-Ourense C. F. O Rápido buscará unha vitoria que lle permita abandonar a última posición do grupo, mentres que o ourensáns gozan dun posto máis cómodo na metade da táboa.
Xa pola tarde, no espazo ‘A Liga das Cidades’ (16.30 h), ofrecerase todo o carrusel dos equipos galegos na Terceira División, coa atención posta nos partidos Alondras C. F.-Arosa S. C., Bergantiños C. F.-U. D. Somozas, C. D. Ribadumia-C. D. Arenteiro, Pontellas-Choco, CSD Arzúa-Polvorín F. C. e U. D. Ourense-C. D. Estradense.
Á marxe do fútbol, a G2 tamén se interesará esta fin de semana pola Superliga masculina de voleibol, concretamente polo encontro que disputarán o Rotogal Boiro e o Melilla Sport Capital. A cita será o sábado ás 19.00 h.
Fuente Crtvg.es