O fútbol galego é protagonista das transmisións deportivas da CRTVG esta fin de semana

0
11

Santiago, 21.01.2022.-  Os medios públicos galegos estarán moi pendentes esta fin de semana do transcurso da décimo oitava xornada da Segunda RFEF de fútbol, da que ofrecerán en directo catro dos partidos destacados con participación galega. Neste arranque da segunda volta da Segunda RFEF, a primeira cita que ofrecerán a G2 e a web G24.gal o sábado será nas Eiroas o Bergantiños C. F. – U. P. Langreo (17:00 horas). O conxunto coruñés, mellor situado na clasificación, buscará a vitoria e o desquite tras perder na primeira volta cos asturianos.

A continuación, ás 19:00 horas, poderase seguir en directo o primeiro derbi galego da xornada, o que disputará o C. D. Arenteiro contra o Arousa S. C. Trátase de dous vellos coñecidos, que tamén precisan o triunfo para comezar a remonta nesta segunda volta da tempada e intentar así asegurar a permanencia.

O domingo, ás 12:00 horas, o Coruxo F. C. recibirá na casa o C. D. Palencia Cr. Atl. O equipo galego asiste a este encontro estreando fichaxes e coa urxencia do triunfo nunha liga que está moi igualada.

A emoción do fútbol continuará vivíndose nos medios públicos galegos pola tarde, a partir das 17:00 horas, cun derbi histórico e transcendental, que terá como protagonistas a S. D. Compostela e Pontevedra C. F. no estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Os locais, pendentes de recuperar un partido aprazado contra o Salamanca, afrontan este encontro tras máis dun mes de inactividade ligueira.

Como é costume, chegará á segunda canle da Galega un novo partido da Ligue 1 francesa, o que enfrontará no estadio Parque dos Príncipes o París Saint-Germain F. C. e o Stade de Reims (20:45 h). O cadro parisiense intentará manter as distancias como líder da táboa, mentres que os visitantes intentarán gañar para afastarse dos postos de descenso.

Tamén a G2 ofrecerá un dos partidos destacados da Primeira Liga portuguesa, ás 19:00 horas, o que xogue o Sporting Portugal co Sporting Braga.

A maiores de fútbol, o domingo, ás 14:00 horas, achegarase un encontro destacado de hóckey, correspondente ao Campionato Europeo Feminino Indoor, que se disputa no Pazo dos Deportes de Ourense. Neste EuroHockey Indoor compiten as seleccións de España, Polonia, Suíza, Bélxica, Escocia e Irlanda.

Fuente Crtvg.es