O fútbol protagoniza o San Xoán na Radio Galega

0
2

Santiago, 23.06.2020.- Cuarta xornada da nova normalidade para o fútbol galego o martes 23 e o mércores 24 de xuño. Os tres grandes continúan a pelexa pola permanencia nas categorías profesionais. ‘Galicia en Goles’ emite dúas edicións especiais, que comezarán ás 19:00 horas e rematarán contra as 22:00 horas.

O martes, o protagonismo é para a Liga de Segunda. O Deportivo leva tres empates consecutivos e, aínda que está fóra dos postos de descenso, sabe que esta media de puntos non chega para alcanzar o obxectivo. Por riba, o rival desta semana é un candidato ao ascenso, o Elx. O encontro disputarase no estadio Martínez Valero. O Lugo, mentres, recibe no Anxo Carro ao Málaga. A derrota en Las Palmas sitúa o conxunto galego en posto de descenso; pero, de sumar os tres puntos, esta xornada sairía do pozo e metería na lea ao conxunto andaluz.

Xa o mércores, día de festa en Galicia, o Celta visita en Anoeta á Real Sociedad. O histórico 6-0 ante o Alavés fai que agora todo se mire con outros ollos desde Vigo. A permanencia está máis preto e ademais o rival só sumou un punto de nove posibles desde que se retomou o campionato.

Paco Santos dirixe o ‘Galicia en Goles Semana’, acompañado polos narradores Roberto Carlos Carballo, Javi Torres e Andrés Vieites, xunto aos analistas Víctor López, César Méndez, Emilio González, Xosé Manuel Traba, Moncho Carnero e Rafa Porto. A emisión poden seguila os oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións móbiles como Radioplayer España e os altofalantes Alexa.

Fuente Crtvg.es