Santiago, 23.08.2023.- Esta fin de semana, o ‘Galicia en goles’ comeza coas retransmisións deportivas o venres. A partir das 20:30 h, Toni López conduce a emisión do programa, que estará protagonizado, ata as 00:00 h, polo partido da Primeira División profesional entre o Celta de Vigo e o Real Madrid. A terceira xornada do campionato chega a Balaídos xusto na semana en que o club vigués fixo cen anos de historia. O rival non semella ser o máis axeitado para unha celebración, xa que gañou con solvencia os dous primeiros encontros disputados lonxe do Santiago Bernabeu. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo, xunto a Víctor López, co micrófono sen fíos, e os comentarios tácticos do adestrador Xosé Valtierra.
O sábado, aínda co horario de verán, de 14:15 h a 00:00 h, Xoán Galán repartirá xogo coa primeira xornada da Primeira RFEF. O Deportivo inicia a cuarta temporada na terceira categoría do fútbol español recibindo en Riazor o Raio Majadahonda, con Javi Torres na narración e Xosé Manuel Traba, na análise técnica, formando parella profesional un curso máis. A segunda parte coincidirá co debut histórico nesta división do recén ascendido Arenteiro do Carballiño, visitando no Nou Estadi ao Nástic de Tarragona. A semifinal da Copa RFEF entre Coruxo e Ourense C. F. abrirá a tarde futbolística, xunto a catro encontros amigables, en que participan equipos da Segunda e Terceira RFEF.
O proxecto #GaliciaEnXogo estará presente o sábado na grella da Radio Galega durante varias franxas horarias. Ás 15:00 h, Alfonso Pardo recollerá os mellores momentos das emisións da temporada 22-23. Ás 23:30 h será o momento de escoitar os galegos que preparan os Xogos Olímpicos de París. Ademais, durante a emisión do ‘Galicia en goles’, este espazo de proxección social dará visibilidade os preparativos da Gladiator Race, programada para o sábado 2 de setembro en Santiago de Compostela.
Xa o domingo, tamén 14:15 h a 00:00 h, o interese do calendario pasará pola Malata, onde o Rácing de Ferrol recibe ao Spórting de Xixón, no primeiro encontro do equipo verde ante a súa afección tras o ascenso á Segunda División Profesional. Un evento histórico quince anos despois, que contará coa narración de Raúl Villares e os comentarios dos especialistas Nesy Otero e Fernando Romero de Paz. Aqueles afeccionados que teñan previsto seguir o xogo pola canle de televisión La Liga Hypermotion poden escoller a opción de Radio Galega no audio 2 do seu televisor.
Na segunda parte do ‘Galicia en goles’, a atención informativa estará centrada na Primeira RFEF, co Lugo debutando nesta división tras o descenso de Segunda Profesional. O Teruel será o primeiro rival que pase polo Anxo Carro, onde os especialistas Emilio González e Rafa Porto irán comentando o que suceda sobre o céspede. Mentres, o Celta Fortuna iniciará o campionato visitando a outro descendido da LFP, a Ponferradina. Ata o Toralín desprazarase o enviado especial Roberto Carlos Carballo.
Durante a xornada, o balonmán tamén terá presenza coa disputa no Gatañal das finais da Supercopa Galicia. Guardés e Porriño disputarán o título feminino, mentres Cangas e Cisne xogarán o torneo masculino.
As emisións do Galicia en Goles chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal e g24.gal/rg-directo.
Fuente Crtvg.es