O ‘Galician noir’ de ‘O sabor das margaridas’ segue a súa expansión mundial

0
11

Santiago, 27.04.2021.- Os medios internacionais seguen loando a serie da TVG ‘O sabor das margaridas’, cuxa segunda temporada situouse no ranking das 10 series máis vistas de Netflix só 48 horas despois da súa estrea nesta plataforma, o pasado 2 de abril. 

Esta produción de ficción, a primeira en galego en Netflix desde 2019, xa fora destacada na reportaxe sobre o ‘Galician noir’ publicada polo xornal británico ‘The Guardian’ o pasado mes de marzo, e mantén actualmente o interese dos medios e da audiencia. E recentemente, outros medios internacionais como o francés ‘Le Parisien’, o danés ‘Heaven of horror’ ou ‘El Comercio’, no Perú, realizaron recensións sobre ela; e outros como ‘Esquire’ en Holanda ou o checo ‘FlixPatrol’ a incluíron nas súas listas de recomendacións audiovisuais. Súmanse así a repercusión que xa tivera nos medios nacionais.

Dirixida por Álex Sampayo, e protagonizada por María Mera esta ficción da produtora galega CTV para a TVG foi gravada en diferentes localizacións da comunidade cun marcado carácter policial e misterioso que se desenvolve en ambientes nocturnos e sombríos, creados para exaltar a psicoloxía das personaxes. Esta segunda temporada está composta por 6 capítulos de 70 minutos de duración.

‘O sabor das margaridas’ xa foi galardoada no 2019 co premio á mellor serie nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual e recibiu no 2020 o Premio da Cultura Galega no apartado audiovisual. 

Fuente Crtvg.es