O grande espectáculo de homenaxe a Mecano, esta noite no escenario de ‘Luar’

0
21

Santiago, 07.10.2022.-    O programa ‘Luar’ (22.00 h) chega hoxe cun grande espectáculo no seu escenario, o de ‘Me cuesta tanto olvidarte’, unha homenaxe á mítica banda española Mecano, protagonizada por Robin Torres, que volve despois de seis anos de xira e máis de 250 concertos por España e pola América Latina. Pasaron case 30 anos desde que Mecano presentou a súa última xira, ‘Aidalai Tour’, e, dúas xeracións despois, a súa música segue moi presente entre o gran público. Facer que este se reencontre coa verdadeira esencia de Mecano é o obxectivo desta montaxe, que esta noite fará parada no espazo da TVG, cun vestiario e unhas coreografías renovadas, unha brillante escenografía e unha posta en escena espectacular. Nesta actuación, os espectadores poderán escoitar temas icónicos do grupo como ‘La fuerza del destino’ e ‘Siete de septiembre’.

Entre os convidados destacados, esta noite tamén visita o programa o explosivo trío Las Supremas de Móstoles, cuxa calidade vocal e números artísticos garanten diversión en cada unha das súas actuacións e que este venres animarán o público e a audiencia cos seus temas pegadizos e cargados de humor.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández tamén contará coa presenza da orquestra Cinema, da histórica agrupación musical ourensá Coral de Ruada e do grupo de música tradicional Asubíos da Chaira.

Ademais, ‘Luar’ ofrecerá hoxe unha actuación moi especial, a de Esther Estévez, a presentadora do #DígochoEu, que sorprenderá a audiencia con ‘Falsos amigos’, a primeira canción do espazo #ApuntamentoLusófono, que xa acumula máis de 40.000 reproducións nas redes sociais da CRTVG e que xoga con termos en galego e portugués que levan a confusión.

Finalmente, no tempo do concurso ‘Recantos’, enfrontaranse Daniella Castro, representante da comarca Terras de Pontevedra, e Toni Silva, procedente de Ourense sur.

Fuente Crtvg.es