O grupo Eladio y los Seres Queridos acode este venres a ‘Luar’ para presentar o seu novo disco

0
8

Santiago, 13.03.2020.-    ‘Luar’ chegará esta noite aos fogares galegos dun xeito diferente, sen público no estudio, en consonancia coas recomendacións das autoridades sanitarias, unha medida que a partir de hoxe se fai extensiva ao resto de programas da Televisión de Galicia. Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén contará coa presenza do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública Juan Gestal, que atenderá as dúbidas e consultas da audiencia sobre o coronavirus.

No capítulo musical, o espazo da TVG contará coa presenza de Eladio y los Seres Queridos, que neste 2020 fan 15 anos de carreira deixando atrás cinco discos, xiras por todo o país en diferentes festivais e salas e manténdose sempre fieis ao seu particular estilo que lles permite ser, a día de hoxe, unha das bandas máis estables do panorama musical español, con temas que van desde o pop máis clásico a sons máis indies e rock pasando polo folk ata a canción de autor. A banda acode ao espazo da TVG para presentar o seu novo disco, ‘Academia’, un traballo sobre a felicidade.

Polo escenario do programa tamén pasarán esta noite o cantante Francisco, que interpretará algúns dos seus maiores éxitos, e a intérprete galega de música lixeira Sabela.

O cartel de actuacións musicais complétase coa presenza da cantante Vivian Lima, a orquestra Solara, a Agrupación Folclórica Adail, as asociacións culturais Candaira e Xeitura e o Mariachi Sol de América. No concurso ‘Recantos’, competirán este venres O Pérez, representante da comarca do Miño, e Alberte Suárez, procedente de Ourense norte.

Fuente Crtvg.es