O Leyma Coruña-Renovables Ourense e o Coruxo-Deportivo da Coruña destacan na oferta deportiva dos medios públicos galegos

0
7

Santiago, 05.02.2021.-    Intensa e variada fin de semana deportiva a que propoñen os medios públicos galegos, en que este sábado e domingo serán protagonistas o fútbol de 2ª B, o baloncesto, o balonmán e o fútbol sala.

A primeira cita na G2 e na web da CRTVG será o sábado ás 17.00 h no estadio de Pasarón, onde se enfrontan o Pontevedra e o Zamora, na xornada 13 do Grupo 1 de Segunda División B, un dos partidos clave na loita por consolidarse na zona alta da clasificación. O conxunto pontevedrés ten moitas máis necesidades de puntuar ca o Zamora, xa que os seus últimos resultados non son favorables, cunha mala dinámica atravesada desde a última vitoria, conseguida o 22 de novembro.

Rematado este encontro, comezará ás 19.00 h o partido da LEB Ouro que disputarán o Leyma Coruña e o Ibereólica Renovables Ourense, derbi galego en que se porá en xogo unha vitoria clave de cara ao desenlace do grupo e que levará os de Gonzalo García a afrontar o choque con algo máis de presión sobre o seu rival. A tres vitorias do corte, aos ourensáns só lles vale gañar a un equipo que fixo xa gran parte das tarefas e que necesita seguir adquirindo boas sensacións de cara a unha segunda fase en que se porá en xogo o pase aos playoff.

Ademais, o sábado, as 17.00 h, ofrecerase de crtvg.gal (en diferido o domingo ás 14.00 h na G2) o partido da Liga Asobal de Balonmán entre o Dicsa Modular Cisne e o Fraikin Granollers. Os pontevedreses están obrigados a reaccionar ante un equipo lanzado para non complicar as súas opcións de permanencia e lavar a súa imaxe despois da dura derrota sufrida na pista do Incarlopsa Cuenca. As vitorias de Cantabria Sinfín e Frigoríficos do Morrazo esixen reposta por parte do conxunto dirixido por Javier Fernández ‘Jabato’ para evitar chegar sen marxe de erro aos dous últimos encontros do mes de febreiro.

A xornada do domingo comezará co derbi entre o Coruxo F. C. e o R. C. Deportivo da Coruña (12.00 h). A imperiosa necesidade de gañar dos coruñeses, que xa contan os partidos que lles quedan como finais, choca co bo facer do equipo vigués na casa, onde só deixou catro puntos no que vai de campionato.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 h e dentro de ‘A Liga das Cidades’, ofrecerase outro partido de Segunda B: Rácing de Ferrol-U. D. Salamanca. Os ferroláns non poden fallar na Malata ante un equipo que ata agora foi incapaz de sumar nin un só punto lonxe do Helmántico.

A fin de semana deportiva rematará ás 19.00 h coa retransmisión do encontro da 1ª División feminina de fútbol sala entre o Poio Pescamar e o Viaxes Amarelle, un derbi que promete ser apaixonante. Co obxectivo firme de recortar puntos na súa loita por alcanzar o primeiro posto, as pontevedresas pelexarán por prolongar a súa excelente serie de resultados no Municipal A Seca, escenario onde se manteñen imbatibles. O Viaxes Amarelle, pola súa parte, buscará o segundo triunfo a domicilio.

Fuente Crtvg.es