O Lugo-Albacete, a Terceira División e o Baskonia-Obradoiro, citas destacadas esta fin de semana no ‘Galicia en Goles’ da RG

0
7

Santiago, 12.11.2020.-    Esta fin de semana está marcada pola ausencia do fútbol na Primeira División e na Segunda B, pero con competición na Segunda A e na Terceira, ademais das categorías femininas e xuvenís, polo que o deporte non parará na Radio Galega.

O venres, desde as 20.30 h, Paco Santos analizará os partidos destacados cos seus protagonistas, ademais de resumir o que se xoga na tarde do vernes na LEB Ouro de baloncesto: o Burgos-Ourense.

O sábado, desde as 15.00 h, Xoán Galán porase ao mando das retransmisións con atención especial ao fútbol da Segunda División A no Anxo Carro: Lugo-Albacete. O programa tamén estará pendente do Levante-Deportivo, da Primeira División feminina, e do derbi de Primeira no fútbol sala entre o Burela e o Parrulo.

Xa o domingo, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ comezará ás 12.00 h co Baskonia-Obradoiro, da Liga ACB, xunto ao Silva-Fisterra e o Polvorín-Somozas, de Terceira. O Friol-Pozuelo, da Segunda feminina, e o Liceo-Vic, de hóckey, completan a primeira sesión. Desde as 15.00 h, a función de tarde contará a emoción da Liga de Terceira e o encontro da LEB Ouro entre o Basquet Coruña e o Melilla.

Durante as tres edicións da fin de semana, ‘Galicia en Goles’ estará presente en seis partidos do fútbol xuvenil, correspondentes á División de Honor e a Liga Nacional.

Malia o descanso en Primeira e Segunda B, o faladoiro chegará puntual á súa cita dominical, ás 20.30 h, con xornalistas e adestradores debatendo sobre a situación do noso fútbol. A mesa de debate continuará ás 23.00 h, en ‘Ao Contraataque’.

A audiencia da Radio Galega terá outras citas co deporte na fin de semana. O sábado, ás 13.00 h, Alfonso Pardo chega a Portonovo co ‘Convivir Deportivo’ para falar da Federación Galega de Actividades Subacuáticas. Ás 23.00 h, Rodrigo Pérez resumirá a información do motor no ‘Gas a Fondo’. E ás 23.30 h, Toni López informará no ‘Galicia en Toquio’ da actualidade dos deportistas galegos que traballan para competir nos próximos Xogos Olímpicos. Esta semana entrevista a Miguel Carballeda e Iván Montero.

Fuente Crtvg.es