O Lugo-Cartagena abre o venres a xornada de Liga no ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
13

Santiago, 07.04.2022.-    A xornada da Liga comeza o venres para o fútbol galego. Desde as 20.30 h, o primeiro ‘Galicia en Goles’ da semana retransmitirá na Radio Galega o partido da Segunda División profesional entre o Lugo e o Cartagena, que se disputa no Anxo Carro.

O sábado, a partir das 15.00 h, o protagonismo será para o fútbol da Primeira RFEF co Celta B-Sanse, en Barreiro, e o Leonesa-Rácing de Ferrol, no Reino de León. Na Segunda RFEF xógase o Leganés B-Coruxo e na Terceira RFEF adiántanse ata sete partidos.

Ademais, hai baloncesto ACB, primeiro, co Fuenlabrada-Obradoiro desde o Fernando Martín, e, no último treito, en horario nocturno, o Tenerife-Breogán. Ás 23.00 h, o programa abrirá unha fiestra ao deporte amateur co espazo ‘Galicia en Xogo’, primeiro, coa información do motor e, na segunda media hora, cos deportistas que aspiran a competir nos Xogos Olímpicos de París en 2024.

O domingo, a sesión matinal principia ás 11.45 h co Athletic B-Deportivo da Coruña, en Lezama, e o Arenteiro-Llanera, no Espiñedo. Desde as 15.00 h tomará o mando a Primeira da LFP co Espanyol-Celta, desde Cornellà. Na Segunda RFEF xóganse o Pontevedra-Avilés, o Bergantiños-Segoviana e o Salamanca-Arousa. Cando remate a xornada, ás 23.00 h, ‘Galicia en Goles’ recibirá a visita dos analistas de ‘Ao Contraataque’ para opinar dos resultados dos equipos galegos.

Na fin de semana, os oíntes da Radio Galega tamén poden seguir o ‘Convivir Deportivo’, que este sábado ás 13.00 h visita Chandrexa de Queixa para presentar a carreira de trail.

Fuente Crtvg.es