O magazine ‘Fun polo Aire’ regresa ás tardes da TVG con máis entretemento e con novas seccións e concursos

0
4

Santiago, 21.09.2020.-    O programa ‘Fun polo Aire’ regresa este luns ás tardes da Galega. De luns a venres, a partir das 18.30 horas, este magazine continuará sendo unha fiestra aberta a toda Galicia e ás súas xentes. Da man de Susana López, contará en directo toda a actualidade e o que está a suceder en cada vila, na cidade, no campo, no mar…

As novidades da temporada chegarán da man de Emilio Guillín. El será o encargado de conducir a parte de entretemento da temporada e presentará ao longo da semana novos talentos galegos e novas caras que desexen converterse en grandes figuras da televisión. ‘Fun polo Aire’ tampouco esquecerá nesta nova andaina os máis pequenos e a xente nova, descubrindo que hai tiktokers e instagramers galegos con milleiros de seguidores.
    
Fixo falta que chegase unha pandemia para que se puxese aínda máis en valor a vida no rural, polo que outra das novidades será a sección ‘Presume de Aldea’, un concurso en que se salientarán os valores de vivir no rural e se descubrirán as aldeas galegas a través dos seus veciños.

‘Fun polo Aire’ segue considerando fundamental a interacción cos espectadores e por iso continuará xogando con eles coa famosa ‘Vila Oculta’  pero tamén estreará o novo concurso  ‘Os tesouros de Duarte’, unha sección en que Duarte Galbán repartirá centos de euros.

Por último, outro dos grandes pesos do programa continuarán sendo os seus reporteiros, que cada tarde estarán espallados por toda Galicia. Coma sempre, Paula Señarís, Nuria Castro, Noa García e a nova incorporación David Valverde serán os encargados de achegar toda a actualidade en directo. Da man deles, os espectadores coñecerán en profundidade os temas que lles preocupan día a día, curiosidades meteorolóxicas, información do tempo e consellos para actuar ‘con sentidiño’ nestes tempos de coronavirus.

‘Fun Polo Aire’ pretende ser un formato agradable, fresco e cheo de cor, que axude o espectador a levar a tarde con bo humor. Coma sempre, neste magazine de proximidade os verdadeiros protagonistas serán os galegos e galegas de a pé co fin de demostrar que Galicia está más próxima ca nunca.

Fuente Crtvg.es