O martes de Entroido hai fútbol de Terceira en g24.gal e radiogalega.gal

0
16

Santiago, 28.02.2022.-    Marzo principia con fútbol de Terceira Federación, que a Radio Galega retransmitirá este martes de Entroido nunha edición especial de ‘Galicia en Goles’, con emisión íntegra por g24.gal/deportes, radiogalega.gal e a aplicación para o móbil. Ademais, o programa estará presente na FM durante ‘A Crónica’, entre as 20.30 e as 21.00 h, e ‘Ao Contraataque’ falará cos principais protagonistas ás 23.00 h.

Pedro Pablo Alonso conduce un programa que estará presente en seis campos. Así, ás 19.00 h ofreceranse os partidos Barco-Estradense e Arnoia-Arzúa; ás 19.30 h, Xuvenil-Bouzas e Silva-Somozas, e ás 20.00 h, Vilalbés-Alondras e Ourense-Viveiro. Todos os encontros corresponden a xornadas atrasadas do calendario e no seu día foron adiados por casos de covid.

A cita do Couto é a priori a máis atractiva do calendario, xa que o Ourense C. F. é un dos equipos máis en forma e recibe o Viveiro, que o sábado gañaba no campo do ata entón líder, o Somozas. Precisamente, o equipo de Ferrolterra viaxa á Coruña para visitar o Silva co obxectivo de recuperar o primeiro posto.

Fuente Crtvg.es