O mellor fútbol gaélico, este mes de xullo na Galega

0
9

Santiago, 07.07.2022.-  O fútbol gaélico regresa pola porta grande este verán á canle pública galega, que durante todo o mes de xullo transmitirá os encontros das fases finais do All-Ireland e da Eurocopa de seleccións, onde os combinados masculino e feminino de Galicia teñen opcións de medalla.

As transmisións comezan esta fin de semana cos dous encontros de semifinais masculinas do All-Ireland, o evento máis importante deste espectacular deporte amateur, en que participan as seleccións de cada un dos 32 condados irlandeses. O sábado 9 de xullo ofrecerase o Galway-Derry (20.15 horas) e, o domingo, o Kerry-Dublín (20.00 horas). A final masculina desta disciplina chegará o 24 de xullo.

Cómpre salientar que, a G2 achegará, por primeira vez, a gran final da categoría absoluta da competición feminina do All-Ireland, o vindeiro 31 de xullo.

A outra cita imperdible para os amantes deste deporte único, orixinario de Irlanda, son as finais que se disputarán no Europeo de seleccións de Fútbol Gaélico, a mediados de mes, en Pontevedra e Poio. Este torneo reúne as principais seleccións masculinas e femininas do continente neste xogo, entre as que se atopa Galicia. As finais masculina e feminina da máxima categoría Championship terán lugar na G2 o sábado 16 de xullo, a partir das 20.00 horas.

Esta é a edición da Eurocopa co maior número número de participantes. No torneo masculino, con 15 combinados, Galicia compite na categoría absoluta (Championship) e na de seleccións novas ou en desenvolvemento (Development). Ademais da selección galega, na Championship está representada Francia, a Bretaña, o Benelux e Luxemburgo; mentres que na ‘B’, enfróntanse Occitania, Gascuña, Alemaña, Italia, Cataluña, o equipo do GGE e os filiais de Iberia, Francia e a Irmandiña. No apartado feminino, con 10 seleccións, Galicia sitúase tamén na elite e participa con dúas equipas. As anfitrioas galegas defenderán o título do último europeo que gañaron en Lorient (A Bretaña).

A Galega, coas disciplinas locais con grande afección

Estas emisións do mellor fútbol gaélico fanse no marco da estratexia ‘Galicia en xogo’, un proxecto con tres áreas fundamentais de cobertura: o deporte do país, a igualdade e o estilo de vida. Con esta iniciativa, a CRTVG quere apoiar disciplinas locais con forte seguimento, que mesturan a práctica deportiva, coa tradición e o propio idioma. Neste senso, os medios públicos galegos tamén están transmitindo as citas de deporte autóctono máis destacadas de billarda, chave, traiñeiras, carreiras populares e vela.

Fuente Crtvg.es