O novo programa da TVG ‘Desexo Concedido’ fará realidade as ilusións dos espectadores

0
42

Santiago, 30.04.2022.-    A historia de Aladino e a lámpada marabillosa vaise facer realidade a partir deste domingo na Televisión de Galicia, que estrea o programa ‘Desexo Concedido’ (19.25 h), presentado por Isabel Blanco.

Cada semana, tres persoas gozarán da mesma sorte que Aladino e verán como os seus desexos son concedidos. En cada un dos capítulos, os espectadores gozarán de tres historias apaixonantes, que provocarán na audiencia unha chea de emocións, sentimentos a flor de pel e tamén risas. Ademais, despois do mal momento que vimos de pasar por mor da pandemia, a nova proposta da TVG permitirá recuperar a maxia das pequenas cousas.

Os protagonistas de ‘Desexo Concedido’ terán a oportunidade única de que a vida os agasalle facendo realidade o seu maior desexo. Algúns coñecerán o seu ídolo, outros reuniranse con familiares ou simplemente poderán cambiar as súas vidas.

A admiración é o eixo principal sobre o que virará esta tarde o primeiro ‘Desexo Concedido’. En primeiro lugar, Isabel Blanco irromperá nun dos ensaios das Tanxugueiras para facer realidade o maior desexo de Montse, unha viguesa que quere coñecer o fenómeno musical do momento.

Do mesmo xeito que millóns de persoas en todo o mundo, o pequeno Anxo, outro dos protagonistas de hoxe, é un grande admirador de ‘Parque Xurásico’ e un apaixonado dos dinosaurios. A sorpresa que lle espera no Museo do Xurásico de Asturias vai deixalo coa boca aberta.

Por último, o programa acudirá ao municipio coruñés de Cambre para coñecer a Carolina, unha moza moi alegre e activa que na actualidade está a pasar por un momento delicado de saúde. O que máis desexa é volver recuperar o seu aspecto físico, que se viu minguado polo duro tratamento médico ao que está sometida.

Fuente Crtvg.es