O partido do Celta B, dous derbis galegos de urxencia e a cita continental do Guardés, oferta deportiva da CRTVG

0
2

Santiago, 19.02.2021.-  A G2 e a web da CRTVG ofrecerán esta fin de semana tres importantes encontros de fútbol na Segunda B, dos que dous serán destacados derbis de conxuntos galegos. A maiores, achegarase unha nova cita continental de balonmán na Primeira División e a web transmitirá tamén dous partidos de fútbol correspondentes á Terceira galega.

O sábado comezan as emisións no estadio do Couto co partido de Terceira División, que disputará o Ourense C. F. contra o líder do grupo B, o C. D. Arenteiro, ás 17.00 horas.

A continuación, ás 19.00 horas, ofrecerase o derbi provincial entre o Rácing de Ferrol e o R. C. Deportivo da Coruña. Ambos precisan con urxencia esta vitoria. Partido moi igualado, en que o anfitrión, cun partido menos xogado, está a tres puntos do equipo branco e azul.

O R. C. Celta B, un conxunto en progresión, pode acadar este domingo o liderado na 2ª B e achegarse así ao seu propósito de ascenso, se gaña este partido contra o Salamanca C. F. UDS (12.00 h), que se sitúa no penúltimo posto da táboa.

No tempo de ‘A Liga das Cidades’, ás 17.00 horas, chegará o segundo derbi galego de fútbol desta fin de semana entre Pontevedra C. F.-S. D. Compostela no estadio de Pasarón, ambos coñécense moi ben no xogo e sitúanse nun sexto e cuarto posto da clasificación, respectivamente.

A oferta deportiva dos medios públicos continuará no pavillón da Sangriña, ás 19.00 horas, cun novo partido do torneo europeo para o Atl. Guardés de balonmán feminino, a un paso de meterse nas semifinais. Tras superar con claridade no partido de ida de cuartos de final da Copa EHF (European Handball Federation) ao Galychanka Lviv, as galegas enfrontan na casa e coa moral alta o partido de volta fronte ao conxunto ucraíno.

A maiores, a web da CRTVG ofrecerá en directo o encontro de fútbol sala feminino entre o A. E. Penya Esplugues-Ourense Envialia F. S. (sábado, 17.50 horas) e outro partido de fútbol da Terceira galega, o Bergantiños F. C.-U. D. Somozas (domingo, 16.50 horas).

Fuente Crtvg.es