O club máis laureado de Galicia fixo medio século durante a celebración da Golden Cup de hóckey a patíns, polo que a Radio Galega instalou o seu estudio no Palacio dos Deportes de Riazor
Durante cinco horas en directo, o espazo contou coa presenza de membros do equipo e entrevistas con coñecidos ex-liceístas, contidos agora dispoñibles en radiogalega.gal
Santiago, 18.04.2022.- Un novo podcast do programa ‘Galicia en Goles’ recolle todas as entrevistas realizadas durante o programa especial do pasado venres, en que o espazo da Radio Galega instalou o seu estudio móbil no Palacio dos Deportes de Riazor, na Coruña. Alí se celebrou durante esta Semana Santa o torneo europeo Golden Cup de hóckey a patíns, co que se conmemoraron os 50 anos de historia do Deportivo Liceo e que foi retransmitido polos medios públicos galegos.
Durante cinco horas, ‘Galicia en Goles’ trasladoulle á audiencia a historia, anécdotas e plans de futuro dunha entidade que a día de hoxe é a máis laureada de Galicia. Polos micrófonos fixos e sen fíos pasaron o adestrador Juan Copa, o xogador Dava Torres ou os ex-liceístas Carlo Di Benedetto, Franco Platero, Toni Pérez, Xavi Malián e Ze Pedro. O programa recibiu tamén a visita do encargado dos útiles, Fran Tato, que leva 30 anos traballando para o Liceo e que acaba de reforzar o seu departamento cunha moza con síndrome de Down que xa é unha máis do club. Todas estas entrevistas poden recuperalas agora os oíntes a través de radiogalega.gal no podcast de ‘Galicia en Goles’.
Fuente Crtvg.es