O pop e rock alternativo de Ataque Escampe soa esta noite na G2 no marco do ciclo ‘Galicia Emerxe’

0
9

Santiago, 03.03.2021.-   As propostas dos composteláns Ataque Escampe irrompen esta noite dentro do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece a G2 a partir das 23.25 horas. O grupo, gañador dos Premios da Música Galega 2014 na categoría indie/pop, ofrecerá algúns dos seus temas de máis éxito, caracterizados por textos amargos e melodías, que van da tristura ao rock’n roll, do pop ao soul e pasan pola cumbia, o krautrock, o dub e o rap. Cinco músicos que fan bailar e gozar en cada unha das súas actuacións. Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es