Santiago, 23.10.2021.- Xosé Manuel Piñeiro acode esta noite á súa cita cos seguidores da Televisión de Galicia. Música, baile e humor serán os eixes sobre os que xirará esta nova edición de ‘Bamboleo’ (22.35 h).
Yotuel Romero, compoñente do grupo Orishas, é un dos convidados estrela de hoxe. Con temas como ‘Patria y vida’ ou ‘Rakata’, Yotuel conseguiu consolidar a súa carreira en solitario, ata chegar a converterse nun imprescindible no panorama musical internacional. En ‘Bamboleo’, Yotuel interpretará os seus temas máis coñecidos, participará nos xogos do programa e compartirá novidades.
O cadro de artistas complétase con Marcelo Dobode, que presenta seu primeiro disco en solitario: ‘Turoqua’; un traballo co que traspasa as fronteiras da tradición e crea novas melodías á vangarda da música.
Con Nueva Fuerza, un grupo que chega de Gran Canaria e que trae os ritmos das Illas, chegará hoxe a ‘Bamboleo’ a música máis festeira. Ademais, no ‘Dirtidansi’ está convidada unha das mellores parellas de baile deportivo de Portugal, a formada por Sergio e Rita, que realizarán dous magníficos números.
Mentres Claudio Pan e Tamara Pérez meten os convidados en apuros nas súas correspondentes seccións, Isi porá o toque humorístico coas súas historias e vivencias máis tolas.
No ‘Agora ou nunca’ subirán ao escenario Paula Bemejo e Acacio Morales, que interpretarán ‘Por debajo de la mesa’, de Luis Miguel, e ‘A mi manera’, de Frank Sinatra. En ‘A jrileira’, o concurso para entidades deportivas, mediranse o Club Bádminton Outes e o Club de Fútbol Noia. En primeiro lugar, deberán entoar ‘Eres tú’, de Morat, e a continuación acertar intérpretes de cancións. Finalmente, coa ‘ITV do amor’ chegará un dos momentos máis quentes e participativos do programa. Unha parella competirá contra unha persoa do público por un gran premio.
Fuente Crtvg.es