O programa ‘Bamboleo’ ofrece este sábado as actuacións do cantante arxentino Coti e do grupo Tanxugueiras

0
13

Santiago, 08.05.2021.-  Música, humor, xogos e festa serán os eixes sobre os que ‘Bamboleo’ (22.00 h) artellará o espectáculo de hoxe. O espazo presentado por Xose Manuel Piñeiro contará con convidados como o cantante e compositor arxentino Coti, o grupo Tanxugueiras e a orquestra Los Players.

Coti foi o creador de importantes composicións que xa forman parte da historia da música pop como ‘Nada fue un error’ ou ‘Antes que ver el sol’. Esta noite en ‘Bamboleo’ interpretará grandes éxitos da súa carreira musical e participará nos xogos que os colaboradores do programa lle teñen preparados. Ademais ofrecerá un adianto do seu novo disco: o tema ‘La chica de la esquina rosada’.

O grupo Tanxugueiras estará presentando o seu último sinxelo: ‘Midas’. Nel, Olaia, Sabela e Aida afástanse dos seus anteriores traballos, exploran novas sonoridades e fan unha aproximación aos ritmos urbanos.

A orquestra Los Players traerá a ‘Bamboleo’ as súas propias versións de temas moi actuais, mentres que a parella de baile de Redondela formada por David e Lidia fará dúas exhibicións de bachata no ‘Dirtidansi’.   

Laura Rey e Michaël González participarán na sección ‘Agora ou Nunca’ interpretando os temas ‘Fue difícil’, de Rodrigo Tapari, e ‘Break my heart’, de Finneas. No karaoke de ‘A Jrileira’ para entidades deportivas participarán Rosa, polo Club de Patinaxe Artística Brincadeira da Coruña, e Manola, pola Sociedade Deportiva A Baña, cantando o tema ‘Llamando a la tierra’, de M-Clan, e acertando intérpretes de cancións. Ademais, a ‘ITV do Amor’ porá a proba unha parella de namorados que intentará despistar o participante do público para que non se faga co premio.  

Non faltará á cita do sábado ‘o furacán de Arca’: Isi, co que as risas serán soadas. Completarán o equipo Tamara Pérez e Claudio Pan, xunto con Javi Varela e Damián Cortés.

Fuente Crtvg.es